Saltar ao contido principal

Castros virtuais, sen saír da casa

Por Tutatis! Xa era hora. Acábase de presentar o Museo Virtual da Cultura Castrexa. Bah, outro museo máis, dirá alguén. Pois nada diso. Porque Virtual quere dicir que o visitas sen moverte da túa casa. 


A golpe de clic podes plantarte en cinco dos castros máis espectaculares da antiga Gallaecia, acceder a vistas en 3D, a imaxes panorámicas, patealo dun lado a outro ou elixir ti mesmo os detalles que queres que o experto che explique mellor. É máis, se hai museo ao lado, tamén podes entrar virtualmente. Sempre desde a casa, e de balde!


Ademais das visitas virtuais, destaco un catálogo en 3D de pezas caracterísiticas da época dos castros: fíbulas, armas, cerámica... de todo. Desde os laterais da páxina principal tamén se pode acceder a moita información presentada dun xeito breve e visual. Incluídos os horarios de visita. E se che vai o cinematográfico, Bandua, a visión en documental deses cinco castros galaicos.

A maioría dos castros galegos teñen entre tres mil e dous mil anos de antigüidade. Hainos a patadas e a maioría están sen escavar arqueoloxicamente (un exemplo que xa visitaramos en Caronte, AQUÍ). Precisamente estes adoitan ser os que conservan un maior encanto. Quizais polas formas que se adiviñan baixo a terra, ou tal vez polo misterio do que non podemos ver máis ca na nosa imaxinación: Como vivirían? Cantos estarían? Como sería esta paisaxe? A quen temerían? Como latería todo aquí abaixo, onde agora pousamos os pés? O caso é que fannos moita falla iniciativas coma esta. Necesitamos potenciar o valor do patrimonio histórico, facelo visible, achegalo á xente, metelo nas casas se é posible. Facer que todos o coñezan para que todos poidamos amalo, entendelo, coidar del... Boa viaxe. Virtual! (clic nas imaxes para entrar).

Comentarios

  1. Só dúas pegas para un proxecto fantástico e marabilloso:

    1) Versión en galego?
    2) Baroñaaaaa!!!

    ResponderEliminar
  2. Samantha6/7/12

    Paréceme unha moi boa idea para aprender cousas novas sobre Galicia. E se non podes saír da casa, aínda mellor!
    PD: O de "Por Tutatis!" foi unha pregunta onte de "Atrapa un millón" jeje.

    ResponderEliminar
  3. Ola Samantha!

    E para os que non vimos onte o programa que mencionas... sempre atoparedes un PorTutatis! nas historias de Astérix e demais habitantes da Galia.

    ResponderEliminar
  4. Sandra6/7/12

    Encántame! é unha moi boa idea, paréceme que non se da a coñecer o suficiente o noso patrimonio histórico e esta é unha boa forma de facelo se non podes achegarte a visitalos. E tamén de obter información sobre eles, pero estar alí, visitalos, e o que dis ti Miguel imaxinarte coma serían as súas vidas, é moi interesante,curioso, divertido. Tes razón falta o gran castro de Baroña, supoño que o acabaran poñendo tamén.
    Eu tamén vexo Atrapa un millón, pero onte perdinme o de "Por tutatis", terei que voltar a ver Asterix! co que me gustou sempre!

    ResponderEliminar
  5. Asi que este profe preocupado polo patrimonio ven para Tui! En Budiño, no Ceip da Cruz, hai unha profe disposta a colaborar no que se poida, por rescatar algo desta zona... E ademais, a tal profe estudou no insti de Meira! Avisa cando esteas por aqui! Saudos e parabens.

    ResponderEliminar
  6. Ola Proída.
    Moitas grazas pola túa mensaxe. Mira que coincidencia o de Meira! Coñezo ben o Faro, e o Castelo, e algunha outra cousa por esta zona, xa que estou moi cerca dela, así que, aviso: estou por aquí!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...