Saltar ao contido principal

"La quimio jugando se pasa volando..."

Lémbrome ben cando acompañaba á miña abuela ás súas sesións de quimioterapia. Recordo os tempos de espera na sala do hospital: o temor, a inquedanza, a ansiedade, a resignación, a busca doutras caras que comprendesen, e finalmente a determinación de coller ao becho polos cornos... Tamén lembro (vai todo no mesmo paquete) o que vén despois: o silencio, a dor, o corpo machacado, o pelo esvaído, e a enorme necesidade de mimo para compensar o trance... A vida non é xusta cando se ceba así cos avós. Pero, imaxinades o que é a quimioterapia para un neno? Pois seguide lendo... que agora vén o bo.

Todo empezou o día en que Mónica regala unha Play que xa non usa a un neno enfermo de cancro. Descubre así que este é capaz de sorrir durante horas, e sobrelevar a quimio cun optimismo e ilusión que acaba por contaxiar a todos. Ante o éxito, a ocorrencia convértese en idea, e a idea en proxecto, e así nace Juegaterapia. Ou o que é o mesmo: "la quimio jugando, se pasa volando"

Clic na imaxe para ver como funciona!


Ti doas unha consola ou videoxogo que xa non utilices, e eles entrégana nun hospital con área de oncoloxía infantil, para que o tempo de espera e a quimio pasen para os nenos da mellor maneira posible: rápido e sorrindo. Ademais, cada consola leva un adhesivo cos datos do doador, para que cando chegue ao neno este poida agradecelo cunha chamada, un sms, un debuxo...

Como vedes, hoxe tocou Moeda de chocolate. Desas que, custando moi pouco, son tesouro para moitos, porque axudan a facer a vida máis doce, dourada e luminosa...  Doade moito.

Comentarios

  1. Jorge9/2/12

    Xenial esa primeira idea que tivo no seu día esa amiga, Mónica, doando a sua consola, xermen do que, vexo, é agora, o traballo dos creadores desa fantástica web.
    E fermoso tamén, o sorriso da nena que recibe a XBOX ou esa cara de concentración do neno de gafiñas na sua Nintendo, ¡ ainda con cámaras diante e todo !...
    Se todo iso o aderezas cunha versión mais que decente do "Over the Rainbow" que no seu día cantou Judy Garland no "Mago de Oz", polo menos en min, xa teñen un candidato para doar cando menos, os meus vellos xogos de Play 3.
    Non e comparable a cara de ledicia ou, como xa dixen, o sorriso desa nena, cos porcallentos dez euros que che dan como moito nunha tenda "GAME" donde só con moita sorte podes sair de alí cun "grazas".
    Un prazer seguir este blog, de verdade.
    Saudos, Miguel.

    ResponderEliminar
  2. Estou contigo, Jorge!
    En todo, pero gustoume especialmente a comparación que fas entre as distintas consecuencias da elección que tomemos para os nosos xogos vellos: a ledicia dun neno enfermo, ou os porcallentos dez euros dunha tenda para lucrarse.
    Coma ti, eu tamén teño moi claro onde quero o beneficio... Xa estou preparando a miña doazón!

    O pracer é meu. Pracer de compartir e de aprender con vós.

    ResponderEliminar
  3. Asun9/2/12

    Estas son as noticias que te axudan a sobrevivir neste mar de malas noticias que nos asolagan a diario nos medios de comunicación.
    Non hai nada máis inxusto que ver a un neno sufrir, e nada máis alegre que ver a un neno sorrir.
    Son iniciativas coma esta as que nos fan crer que esta vida merece a pena.

    ResponderEliminar
  4. Sandra10/2/12

    Eu lembro moitas cousas, moitos momentos vividos coa miña avoa cando se operou,cando levou quimio e radio,cando puxo a súa peluca, pero sobre todo unha: as súas ganas de loitar, a súa valentía; dicíalle ás enfermeiras cando xa non eran capaces de collerlle a vía: "proba nesta que seguro que aquí es capaz". Buf, tantas cousas... Sempre a admirei e sempre a quererei. E vouche dicir: ela non xogaba á consola pero lembro como lle gustaba vernos xogar a nós e comentaba as xogadas ou botaba unha risada, e cando compartíamos os cascos do mp3 pra escoitar música ou lle leía en voz alta e lle encantaba a historia que nos contaba o libro,... Así pois
    Juegaterapia é destas cousas que se agradecen só con saber que existen, con saber que aínda queda xente boa e que non todo son noticias malas. Pero síntome contenta e agradézoche motísimo que nos deras a posibilidade de coñecelos e eu esta fin de semana envío a miña infrautilizada Nintendo DS para que "axude" un pouquiño a algún neno ou nena que a precisa máis cá min... para que xogando, a quimio se lle pase voando...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Equinoccio versión San Miguel de Celanova

Aliados coa natureza, tamén nós podemos facer cousas incribles . Mirade que beleza. Hai máis de mil anos, polo século X, os monxes do mosteiro de Celanova decidiron construír no horto do convento unha capela diminuta para honrar coas súas oracións ao fundador do mosteiro. Diminuta e única no seu estilo, entre visigodo e mozárabe. Tan perfecta que a capela está matematicamente aliñada para captar polas ventás a luz do amencer en dous días concretos e moi especiais do ano: o equinoccio de primavera e o de outono .   E a que non sabedes que día foi hoxe...? Vía Nun par de minutos espectaculares , a luz do sol cólase polas estreitas ventás da fachada Leste e, tras atravesar como un coitelo o escuro interior da capela, sae exactamente pola estreitísima ventá que decora a fachada contraria, formando o rosetón de luz que tan ben se ve na fotografía. Non sei que pensarían os monxes cando vían isto cada primeiro día da primavera e o outono... Cun espectáculo así, preg...

A memoria da choiva

Ollo... Esquecédevos da riquiña  Os fillos do mar . A nova novela de Pedro Feijoo entra polos ollos de maneira despiadada e con auténtica ira. A ira de Rosalía, que emerxe vingadora nunha serie de brutais crimes . Todo iso que nos contaron dunha Rosalía de Castro feble, depresiva e nostálxica quizais non era máis cá un monte de merda arroxado sobre a súa verdadeira personalidade. É que non o vedes? A moitos lobos interesáballe vendela así, manipulada e desdebuxada ata o extremo. Pero sen que eles puideran sabelo, todo ese conto, todas esas mentiras foron inxectando nalguén que permanecía oculto " un sangue negro, duro coma o ferro, un río mesto e pegañento de cólera e desesperación ". E agora, cando menos o agardaban, chegou a hora. Alguén está a tomarse, con violencia e brutalidade extremas,  a xustiza pola man . Santiago de Compostela, ese impresionante escenario . Un coñecido colaborador televisivo aparece asasinado na súa casa cun ferro de vinte e dous centímetr...