Saltar ao contido principal

A península, desde o espazo


A NASA publicou hai un par de días esta fermosa fotografía. A imaxe foi tomada desde a Estación Espacial Internacional, un inmenso trebello tripulado que orbita arredor da Terra a uns 380 quilómetros de altitude, e retrata a península Ibérica de noite. ¿Que vos parece?



A min, aparte de curiosa, paréceme incriblemente útil para unha clase de Xeografía. En concreto para entender dunha soa ollada a desigual (diversa, diríamos en 2º de bacharelato) distribución da poboación. Por exemplo:
  1. Os tres puntos de luz máis intensos coinciden coas cidades de Madrid, Sevilla e Lisboa. Coa mesma intensidade deberían brillar Barcelona e Valencia pero, ao estar tomada a foto desde o Oeste, a parte Leste da península aparece demasiado desenfocada. 
  2. En segundo lugar, conclúese claramente que a poboación concéntrase nas zonas de costa, deixando moito máis baleiro o interior: 
    • En Portugal, destaca toda unha franxa de luz á beira do Atlántico (con dous puntos máis grandes en Lisboa, ao sur, e Oporto, máis ao norte).
    • E en España, destaca o litoral mediterráneo, no que as luces debuxan un enorme "paseo marítimo" desde Xibraltar ata Cataluña. Aínda que non se ve con suficiente nitidez, parecen destacar Málaga (pasando o Estreito), Valencia (incluso Mallorca) e Barcelona. 
  3. Se miramos a Galicia, clicando na imaxe, veredes que case toda a poboación se amontoa na fachada atlántica e nas principais cidades galegas: os puntos de máis luz coinciden con A Coruña, Pontevedra-Vigo e, máis aló, Ourense e Lugo. Fóra destas, o interior queda moi ás escuras.
Por certo, apréciase a esfericidade da Terra! E se vos chamou a atención esa liña verde e dourada do fondo, que saibades que se corresponde coa radiación ultravioleta retida pola atmosfera. Ese efecto invernadoiro necesario, pero que estamos radicalizando e agravando preocupantemente cos gases que emitimos. Como vedes, é certo o dito: unha imaxe vale máis que mil palabras.

Comentarios

  1. Sandra30/12/11

    É impresionante!! unha imaxe preciosa e preocupante tamén polo efecto invernadoiro.E certo,moi boa foto para unha clase de xeografía!
    FELIZ ANO A TOD@S!!!

    ResponderEliminar
  2. Feliz 2012 Sandra! Preocupante o efecto invernadoiro, e tamén, xa que estamos, a contaminación lumínica (¿xa estarían postas as luces do Nadal ao facer a foto?)...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...