19/02/19

Cando aprendemos Historia xogando

19/02/19

Esta foi a nosa clase de hoxe en 2º de bacharelato. Adiviñades que están facendo?



Aprendendo, xogando, e manipulando os seus smartphones. Todo a un tempo, tal e como podedes ler na explicación coa que explicaba a imaxe ao publicala na miña conta de Instagram. Unha actividade orixinal, dinámica, divertida e, sobre todo, lúdica. Que nos permitiu repasar os contidos traballados en sesións anteriores sen apenas decatarnos de que estabamos a facelo. E que vén a confirmar, como sempre que levamos ou despregamos un xogo no contexto dunha clase, que xogar non é perder o tempo, senón propoñer un reto, tender unha coidada trampa para aprender ou unir a creatividade e a motivación ao servizo dun obxectivo didáctico. 

Nesta ocasión, utilizamos unha ferramenta nova, plenamente dixital, que nos permitiu converter unha clase nunha especie de "50x15: Quere vostede ser millonario?", pero tamén nunha divertida carreira por seleccionar a opción máis adecuada (ofrecíanse catro posibles respostas) no menor tempo posible en cada unha das preguntas (quince) que eu fora confeccionando para eles. Esta ferramenta chámase Kahoot, e é unha plataforma que permite elaborar cuestionarios para ser xogados desde diferentes dispositivos. Aquí podedes ver o Kahoot co que xogamos hoxe na clase. E neste vídeo, se vos interesa, podedes aprender como se utiliza:


A experiencia, igual que cando xogamos actividades que elaboro con Educaplay, ou cando levo as gafas 3D para achegarnos á realide virtual, foi hiperestimulante desde o primeiro momento. Pero gustaríame dicir que non sempre é necesario recorrer ás últimas tecnoloxías para gamificar o ensino ou introducir matices propios dos xogos nas clases. Ás veces conséguese máis rápido e de maneira igual de eficiente cun pouco de imaxinación e tirando de xogos máis clásicos, pero non por elo menos divertidos ou útiles á hora de repasar ou explicar certos contidos. É o caso dos Tabú, Mïmicas, Indicios ou Debuxo, onde un estudante intenta lograr que o resto do alumnado logre chegar a un concepto oculto, tirando simplemente do que sabe e da súa creatividade. Ou, por poñer un exemplo máis, o do Risk, un xogo de mesa que, debidamente manipulado nas súas regras e obxectivos, pode converterse nunha magnífica oportunidade de comprender algúns dos trazos e problemas máis característicos do imperialismo do XIX, como algunha vez compartín con vós xa neste blog.

Cando ao remate dun curso pregunto (por escrito e baixo anonimato) a todo ao meu alumnado pola calidade das clases que tiveron comigo, polos éxitos e fracasos do meu traballo con eles, este, o do xogo, aparece sempre no lado do que valoran como un éxito. E non é porque sexa "xogar"; é, como eles explican, porque aprenden sen estudar, porque están motivados, porque lles dá ganas de volver a ter Historia, porque non precisan obrigarse a vencer perezas para aprender... e porque cando si o precisan, séntense con máis animo para facelo. Igualiño que ao resto dos mortais. Así que, como diría o mítico presentador, mans á obra e.... "a xogar!".

Recibe os contidos no teu correo

1 comentario

  1. Anónimo20/2/19

    Qué divertido! Ata a min me gustaría estar nesa clase, sinto ganas de aprender, ten que ser unha boa experiencia, a seguir facendo clases amenas!!

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK