Saltar ao contido principal

Risk: xogar ao Imperialismo

-Ataco!
Non existe palabra máis agardada no Risk, cando por fin chegan a un os dados.


O Risk é un xogo de mesa dos que dá gusto ter nas mans. Caixa de cartón, un enorme taboleiro despregable, dados e tropas de varias cores, e un único obxectivo: conquistar o mundo. A mecánica é doada: repártense ao azar todos os territorios do mapa entre os xogadores; logo, cada un distribúe os seus soldados neles como lle peta; e finalmente, cada xogador recibe unha carta cun obxectivo que debe manter en segredo. Gaña quen consiga antes o obxectivo que lle tocou en sorte: "Conquistar un continente", "Ocupar 18 territorios", "Invadir dúas illas", "Destruír aos exércitos amarelos"... 

Pero este xogo tamén serve para aprender Historia na clase doutra maneira. Porque se tuneamos os obxectivos adecuadamente, e manipulamos o reparto dos territorios con criterio didáctico, os alumnos poden verse, sen sabelo, reproducindo ao milímetro e coa mesma paixón, o incidente de Fachoda de 1898, cando tropas francesas e británicas se atopan sobre o terreo, en pleno continente africano. Ás veces a Historia repítese, e impóñense os británicos. Outras, os franchutes dan unha bofetada á Historia, e conseguen o seu obxectivo de formar un imperio africano de oeste a leste. E nalgunha ocasión incluso, a partida alóngase, con ambos bandos reforzándose con cabalería e canóns, nunha sorte de Paz Armada. Pero pase o que pase, o Risk sempre logra motivar, permite entender e axuda a recordar... Alguén dá máis?

Comentarios

  1. Eu quero ver o noso vídeo! que para un día que falto á clase! por certo, si que é caro o maldito Risk...

    ResponderEliminar
  2. Anda sobre 35 euros. Iso si, recoméndovos a versión clásica, a de toda a vida (hai edición Star Wars e outras, pero a que de verdade dá xogo é a de sempre). É algo carete (sería un bo regalo), pero qué gloriosas tardes de guerra vos esperan! (ollo: se hai piques, este xogo pode xerar toda unha "Paz Armada" na casa).

    O vídeo estouno editando! Faise algo longo, pero é moi moi gracioso. Especialmente se o poñemos a cámara rápida. Espero subilo pronto. Gio e os demais déronme permiso... senón pixélovos a todos!

    ResponderEliminar
  3. Non non, nada de pixelar, que se nos mire ben as caras de conquistadores principiantes (e de defensor experimentado de Ángel)

    ResponderEliminar
  4. Vésevos moi ben! E sobre todo, rindo moito... Pena que a clase non dera tempo a ver como remataba todo, porque as risas, os piques e o número de soldados sobre o taboleiro ían cada vez a máis...

    Non entendo moito de edición de vídeo e resísteseme algo, pero estoume rindo moito mentres edito. Queda menos!

    ResponderEliminar
  5. jajaja sen prisa, a verdade é que as clases fanse curtas para este tipo de cousas..

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...