24/11/14

Verónica, Balón de Ouro

24/11/14

Non sae nas portadas porque é muller, e iso dinos o lonxe que estamos de poder falar de igualdade. Pero o que Vero Boquete, futbolista galega de 27 anos, nacida en Santiago de Compostela, está conseguindo meréceas todas polo que ten de exemplar.

Clic para vela xogando ao fútbol
Vía


Primeiro por apostar forte pola súa paixón. Segundo, polo valor de saír fóra e recorrer o mundo para facerse o seu propio camiño, xogando en equipos de España, Rusia, Estados Unidos, Suecia e actualmente Alemaña. E terceiro, por ser quen de gañar en todos eles títulos tanto colectivos como individuais que, todos xuntos, dan unha idea da súa calidade: 39 goles en 26 partidos na Liga española 2010-2011; Mellor Xogadora de 2011 na Women's Professional Soccer de EEUU; finalista dunha Champions League; capitana da selección española, 2 veces candidata a Mellor Futbolista de Europa...

E desde a pasada semana unha das 10 candidatas a recibir o Balón de Ouro,
como mellor futbolista do mundo de 2014.  Tela!
Vía






Sempre, todos os anos, tiven alumnas que xogaban ao fútbol. Non eran moitas e desde logo nunca o tiñan fácil. Con certa idade non se permiten equipos mixtos, e frecuentemente non hai un número suficiente de equipos de mozas como para formar unha liga feminina. De aí que non só sentise simpatía polo que facían, senón tamén moita admiración. Por ese valor que teñen á hora de non achicarse, de non renunciar, de insistir en facer o que lles gusta e, de paso, por estar abrindo a machadas un camiño aínda demasiado vetado ás mulleres. Por iso, cando coñezo os éxitos de Vero, non podo deixar de lembrarme delas (Cristina, Lidia, Sara, Lucía...) e de alegrarme como se realmente este fose o seu logro. Porque tamén o é.

Vía


O 1 de Decembro, espero, Vero estará entre as 3 finalistas.
E o 12 de Xaneiro, quen sabe, tal vez en Zurich recollendo ese Balón de Ouro.
Oxalá que así sexa. Por ela e por todas as que, como Vero, rompedes moldes cada día.

Recibe os contidos no teu correo

7 comentarios

  1. Iria G, vía Facebook24/11/14

    Que ben Miguel

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. E non mencionei ao Pastoricense pero... Lembro ben as vosas camisolas amarelas! Balón de Ouro xa!

      Eliminar
  2. Cristina M, vía Facebook24/11/14

    Compartiríao sen lelo, e agora que o lin, ademáis de ilusión, superación e éxito, comparto agradecemento e emoción. Por todas e polas túas palabras, moitas grazas, Miguel!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas a vós Acórdome agora daquela anécdota túa en Estambul... Eso é romper moldes!

      Eliminar
    2. Cristina M, vía Facebook24/11/14

      Coma todas elas! :D

      Eliminar
  3. Lidia L, vía Facebook24/11/14

    Bravo Miguel, cuánta falta fai xente coma ti!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Coma vós! Arriba esa UD Ribera, Lidia!

      Eliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK