02/05/13

Navegar sen móbiles

02/05/13

Esta é a competición máis longa e dura que existe. Agora chámana Volvo Ocean Race, pero segue sendo a carreira da volta ao mundo a vela. Nove meses navegando arredor do planeta, entre borrascas e océanos, e sen un árbitro que poida paralo todo cando as cousas se poñen feas e perigosas. No mar, se hai temporal, ninguén se pode baixar ata que o barco e a tripulación logran saír del.


Hoxe lin que 3.000 alumnos coma vós están tendo a sorte de poder escoitar nos seus institutos (en Levante) a un dos regatistas da última edición. Nas charlas, ensínase como é a vida a bordo: que comen, como durmen, como se navega cando as ondas superan os 15 metros de altura, ou que significa afrontar xuntos o éxito e o fracaso. Coma dun equipo de verdade. Falarán de valores que outros deportes raras veces logran ensinar coa mesma tenacidade. E darán a coñecer palabras tan fermosas como Orza, Foque, Eslora, Driza, Obenque, As de guía, Través... Palabras que, extrañamente, apenas coñecemos neste país con miles de quilómetros de costa e centos de anos de tradición mariñeira.

No 2005 esta carreira saiu de Galicia. Cruzando o Mar do Norte en pleno temporal, nun brutal golpe de mar, un dos barcos perdeu un tripulante. A onda barreu totalmente a cuberta e cando toda a auga se evacuou, alí faltaba unha persoa. Os seus compañeiros vírono arrastrado pola corrente, cada vez máis lonxe do veleiro, apenas uns brazos en alto loitando por asomar. Con enorme dificultade, só puideron rescatar o corpo sen vida. E na inmensidade do océano, con ondas de 11 metros e o cadáver dese amigo resgardado na bodega, o Abn Amro 2 aínda tivo que acudir en axuda do equipo español, que vira abrirse unha vía de auga no seu casco. Case 24 horas navegaron xuntos, en paralelo, por se era necesario o rescate, ata que non houbo máis remedio que facelo. 19 persoas e un cadáver viaxaron xuntos e abatidos durante horas nun barco habilitado para tan só 10 tripulantes. Ao cabo dunhas horas a organización recolleu aos españois, e o barco holandés seguiu o seu camiño ata rematar  escrupulosamente a etapa. Tal e como os dez tripulantes desexaban antes de partir. 

Os barcos non foron feitos para estar amarrados en porto, senón para navegar. Como as persoas. Porque, como diría un vello amigo... Non se pode ir por aí á deriva, sen un soño.

Recibe os contidos no teu correo

4 comentarios

  1. Sandra4/5/13

    Buf... menudas imaxes! a verdade é que véndoas non extraña o suceso que contas, triste historia.
    É certo que non se poden deixar os soños á deriva, hai que ir a por eles, aínda que ás veces, nos coste tanto conseguilos coma ós tripulantes da Volvo Ocean chegar a meta.

    ResponderEliminar
  2. Ola Sandra! Tes razón, triste historia, pero na que tamén atopamos cousas das que aprender: valor, solidariedade, espírito de equipo, sensibilidade, respecto ás normas... É unha historia humana. O deporte, ás veces, parécese a unha vida levada ao extremo.

    ResponderEliminar
  3. Vitoria6/5/13

    As veces penso que se a aventura da nosa vida non se parece a de Ulises non é porque o noso barco non sexa capaz de navegar, senon porque xa non existen mares inmensos cheos de prodixios: sireas, illas habitadas por estrañas mulleres, por cíclopes..
    Pero non é verdade, o noso Mediterráno somos nos mesmos: a audacia da nosa mente e o estremecemento do noso corazón son os creadores de canto portentoso e novelesco hai no mundo. (relendo a Conrad)

    ResponderEliminar
  4. Ao mellor é que todas as vidas son unha "Odisea". E o único que cambia é a actitude que cada un tome ante ela: por iso tamén na vida hai cíclopes, magas, aproveitados, cans de ollos leais ou sereas de canto irresistible.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK