18/04/13

Camuflaxe con estilo

18/04/13

"No, la pintura no está hecha para decorar las habitaciones. 
Es un instrumento de guerra ofensivo y defensivo contra el enemigo". 
Pablo Picasso

E aí o tedes. Con vós, o transtlántico Mauritania, navegando en plena Primeira Guerra Mundial:


A foto é antiga, e daquela non había cor. Pero como sabedes, a xente que loitou e viviu esa época si vía en cor, coma nós... Así que unha visión máis realista do HMS Mauritania viría a ser esta:

O Cubismo era a rompedora corrente artística do momento. Encabezada por Picasso, rachara con toda a pintura anterior e caracterizábase polo emprego de formas xeométricas como triángulos, rectángulos ou cubos. Como no famoso "Guernica". Pero o curioso é que tamén se aplicara aos barcos. A idea xorde en plena guerra, polo medo que había a ser vistos e atacados por submarinos alemáns. O oficial Norman Wilkinson relataba así como se lle ocorrera:
"Cando volvía a Davenport, cedo pola mañá, ocorréuseme que, como era imposible pintar un barco para que non o avistara un submariño, había que facer xustamente o contrario: pintalo para romper a súa forma e confundir así ao oficial inimigo".
Ao disfrazar o navío desta maneira, o efecto óptico facía máis difícil distinguir onde se atopaba a proa, cal era o ángulo de dirección ou a que velocidade se estaba movendo o buque. Sen contar o efecto anímico de tanta cor e estilo sobre os que ían a bordo. Porque non me digades que non era... diferente?



Esta técnica de camuflaxe naval foi coñecida como "Dazzly Painting". Pero despois, durante a Segunda Guerra Mundial, os británicos aínda intentaron darlle unha volta máis ao asunto. Pintando o casco coas cores dos acantilados, e distribuíndo coidadosamente montóns de parasoles da mesma cor sobre a cuberta, buscaban invisibilizar o barco fronte a posibles avións ou submariños inimigos. E é que, como diría o outro: "A cabeza non para..."

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. Maria Martinez Gonzalez 1º ESO D15/5/13

    Profe gustame o teu blog e moi interesante y fala de moitisimas cousas que non sabia que me impresionan moitisimo como o das illas Cies.
    Hoxe en clase quedei flipando co dos barcos porque a min sempre me interesou as cousas que teñen que ver cos barcos undidos e o mar como o do Titanic.

    ResponderEliminar
  2. María! Non sabes que ilusión me acaba de facer ver este comentario! Ás veces, coma hoxe na túa clase, atopo tempo para ensinarvos algunha cousa interesante do blog, pero nunca sei se vos "chega" realmente ata que leo os vosos comentarios. :)

    A min tamén me gustan moito os barcos, pero sobre todo os barcos antigos (afundidos, ou non), e tamén os de vela, eses que precisan o vento para moverse. Non sei se o viches, pero na entrada titulada "Navegar sen móbiles", hai un vídeo incrible... Envexo a eses navegantes, capaces de moverse por un mar así. Xa me contarás! (podes asinar só co teu nome se o prefires)

    Encantáme lervos aquí. Moitas grazas! :)

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK