03/08/12

Imbéciles de verán

03/08/12

Sabedes que é isto?





Mirade ben. Cantas pode haber? Dez, doce, vinte? Pois non, son cincocentas. Cinco veces cen, e todas xuntas, infladas e completamente queimadas. Ovellas. A fotografía foi tomada hai unha semana en Cataluña, preto da fronteira entre Francia e España, onde aconteceu ese enorme e devastador incendio no que tamén morreron catro persoas. Dúas, pai e filla, ao tirarse ao mar para fuxir das lapas. Do número total de animais mortos non temos cifras porque, curiosamente, non se contan como vítimas senón como danos materiais ou económicos. Para os que fan as leis e recontos, estas non son vidas. Os pastores que estaban co rabaño, que salváronse in extremis botándose ao río, contan a El País entre bágoas que "chegou un momento en que as ovellas amontonáronse e quedaron paralizadas de medo, sen que houbera forma de movelas, nin sequera dándolles con paus". Arredor, vense cans chamuscados pero vivos, que non teñen forzas nin para ladrar. E no alto dunha viga, un gato que quedou completamente cego. A policía soubo que a orixe do incendio estivo nunha cabicha. Un imbécil cunha maldita cabicha.

Foi en Girona, pero puido e pode suceder en calquera lado. Galicia, co monte en estado de abandono, ten moitos boletos. Cando ese incendio tivo lugar eu volvía dunha viaxe de varios días en Madeira, unha illa en pleno Atlántico, algo ao norte das Canarias. De orixe volcánica, é un lugar cun relevo impresionante, cheo de acantilados, cumes e ladeiras de pendentes imposibles, con casas esparexidas por todas partes. Conservan un bosque que é reserva da biosfera mundial e, a pesar do difícil do relevo, cultivan todo tipo de plantas tropicais. Un paraíso.



Cando estaba alí declarouse un incendio no centro da illa, nunha zona forestal. Ao haber tantas casas e un relevo tan complicado, non usan hidroavións nin helicópteros. Todo a man. A tele local non facía outra cousa que retransmitir o drama. En tan só un día, o lume chegou aos arredores de Funchal, a capital do arquipélago. Centos de casas víronse rodeadas, e as familias non podían crer que tiveran que abandonalas ao lume. Aquela noite, como nun cadro de El Bosco, o paraíso converteuse en inferno. Por outro imbécil de verán.


Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Sandra3/8/12

    É horrible, qué impotencia e inxustiza tan grande! Algúns dos que tiraron esas cabichas sentíranse culpables agora? porque polo que parece non atoparon unha soa, senón que estaban analizando varias para encontrar ó culpable..."tela!". Asómbrome da irresponsabilidade da xente, avergonzame que se trate os animais coma danos materiais ou económicos (imbéciles!! sinten, sufren!! son vidas coma as nosas! e teñen dereitos pero parece que non existen, a ver cando a xente se da conta de que un animal non é un obxecto!!) qué triste! só pensar o mal que o pasou toda esa xente, todos eses animais, toda esa vida queimada, esa natureza... faiseme un nó no estómago.
    Vin no telediario a xente que avisaban á noite para que collese o imprescindible en 5 minutos, (5 minutos!) e saír e abandonar toda as súas vidas que quedaba naquelas casas, nas súas casas, coa incomprensión, a tristura e o terror nas súas miradas. Como outro señor entraba correndo na súa casa para salvar ao seu can porque sin él non se ía loxicamente. Pero mentres, nalgures, o culpable estará abrindo a ventá do seu coche e tirando unha cabicha máis.

    ResponderEliminar
  2. Asun4/8/12

    Tristemente hai imaxes que se repiten verán tras verán e que nos desvelan as miserias do ser humano.

    É unha pena que teñamos que volver a falar do lume que mata vidas e destrúe todo ao seu paso, no noso país ou máis aló das nosas fronteiras...

    E o peor de todo é que este inferno xorde da imprudencia de alguén. Cando aprenderemos?

    ResponderEliminar
  3. Posiblemente non aprendamos nunca. Sempre haberá algún descerebrado ou xente con mala idea que non se dea conta dos efectos que isto provoca. Deberíamos aprender, que iso si se pode, a evitar os incendios ou, polo menos, minimizar os seus efectos. A xestionar o monte doutra maneira, dándolle o valor (natural, paisaxístico, económico) que realmente ten. Nese terro, como dirían os vellos e nunca mellor dito, case todo "está a monte".

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK