22/05/12

Travesía: pirarse a toda vela

22/05/12

"Dentro de vinte anos sentiraste máis desilusionado polas cousas que non fixeche que por aquelas que fixeche. Así que solta amarras. Navega fóra da baía segura. Atrapa os alisios nas túas velas. Explora. Soña. Descubre...
Mark Twain. 



Había moitísimo tempo que non gozaba tanto dun cómic. Pero moitísimo. Tanto, que hai xa semanas  que este libro agarrouse coma un percebe á miña mesa. Tanto, que non hai día no que non volva a rebuscar pasaxes entre as súas páxinas. Tanto, en fin, que hoxe voume dar o gustazo de intimarvos á súa lectura. Que por certo, é lectura moi fresca e pápase en menos cá un telediario (idóneo para refrescar entre exame e exame).

A punto de cumprir trinta anos, Aude está farta dunha vida rutinaria e aburrida, que non se parece á que imaxinaba cando era so un pouco máis nova. Vive estresada, o que fai non a enche e está cansa de diálogos de besugos. Sóbralle todo, porque todo lle parece baleiro. E ao mesmo tempo, sente medo: ¿estará a conformarse? Así que para poñerlle remedio, deseña a aventura de achegarse á persoa que quere ser: embarcarse nun veleiro para cruzar o Atlántico navegando durante todo un mes. Porque, como diría certo fareiro, "a xente, cando se lle pon na cara un xesto amargo, debería darse ao mar o antes posible". Ou quizais porque, como di un dos personaxes deste libro, "a vida só se sostén polos proxectos". 

Esa é a historia. En canto aos ingredientes, hai de todo: humor, ironía, o retrato dunha vida en París, as obrigas diarias, as viaxes en bicicleta, o inconformismo, a angustia, os soños e os libros como anestésico, o retiro nunha illa, a promesa do mar, ou o proxecto dun prometedor veleiro no que poder saír a navegar. A cazar os ventos. A respirar mundo. A aprender outro modo de ver e de entender a vida.
Que non é pouco. Bo vento!

TRAVESÍA, de Aude Picault 
Editorial Sins Entido

Recibe os contidos no teu correo

5 comentarios

  1. E se o ledes e non vos gusta, devolvo os cartos!... menos aos de Vilalonga, que tendes este librako solteiro e dispoñible seducíndovos desde o estante dos cómics, na biblioteca.

    ResponderEliminar
  2. Sandra22/5/12

    Ten moi boa pinta e é certo moitos cómics leénse no que dura un telediario e aportan tanto coma un libro.Son divertidos, diferentes. Eu apúntome a ler este que nos recomendas!!

    ResponderEliminar
  3. Algúns, aínda non tendo cor, logran entrar polos ollos. É o caso deste. Boa travesía!

    ResponderEliminar
  4. Eu xa me enganchei nesta travesía e non podo parar de ler. É un pouco de aire fresco na rutina diaria que nos toca vivir.
    Grazas Miguel pola recomendación!

    ResponderEliminar
  5. marisa1/6/12

    Pois eu creo que vou a ver se o topo por algunha estantería tamén aínda que non sexa na biblioteca de Vilalonga, sobre todo pola recomendación que dás Miguel, logo xa che contarei...pero e que tal como o contas parece que tén boa pinta.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK