16/08/11

De illas, soños e tesouros

16/08/11

Hai uns días, nun comentario, pedíanme un libro: "algo para soñar este verán". E acabo de regresar dun bonito soño de apenas duascentas páxinas, asi que... que menos que compartilo.

Moedas ("Doblones"), cofre e mapa procedentes do tesouro rescatado en augas do Atlántico,
ao dicir de certos alumnos meiregos, ao remate da travesía de 2009 (Museo Naval de M.A.)
A primeira vez que o lin tiña doce anos, e atopeino nunha biblioteca pública. O título prometía mar, liberdade, illas desertas, amigos contados, perigosas compañas e un formidable tesouro enterrado non sei onde. Imposible non levalo prestado para casa. Así que, durante días, sentinme un intrépido grumete a bordo da miña cama (que chamei Hispaniola), odiei ao canario da veciña coma se fose o temible loro de John Silver, planifiquei a fuga do fortín da miña casa para explorar o que fose que houbera aló fóra, e aprendín, de paso, que os piratas nunca molaron nada, e que en realidade non son máis que deplorables maleantes e uns fillos da gran gruta mariña. E pareceravos mentira, pero aínda conservo como tesouro  a entusiasta ficha de lectura que ese mesmo mes entreguei na escola ao meu mestre de Lingua Española, don José Luís Gallego, quen me regalou para sempre o costume de divertirme lendo.

O meu paso polo libro de Stevenson, en 1989. Na parte de atrás, resumo a novela (regular).
 Hoxe seguría dándolle o sobresaínte.


Medrei con eses recordos. E agora que veño de relelo, vinte e dous anos despois, xuro e perxuro que sigo pensando exactamente o mesmo: Quen me dera ser o pequeno e valente Jim Hawkins para vivir nunha pousada á beira do océano, e que un día entrase pola porta un vello lobo de mar cunha enorme cicatriz cruzándolle o rostro e un gran cofre mariño arrastras. O que daría eu por abrilo a escondidas e atopar no seu interior un manuscrito cun mapa oculto e varias cruces sobre unha illa de misterioso nome. Como me gustaría ter un par de amigos dispostos a fletar un barco para partir e levarme con eles, aínda que a súa tripulación nunca me resultase de fiar. Mataría, en fin, por poder vivir despois todo o demais: a traizón descuberta entre as mazás dun tonel, a brutal tensión nas horas previas ao motín, os cañonazos asubiando sobre as cabezas en plena fuxida, a carreira por entrar no antigo forte antes que os rebeldes,... 

Así que se vos apetece un bo soño de verán antes de que este acabe, enroládevos con Jim e non teñades medo do barco. Iso si, non perdades de vista á tripulación. Porque como diría Conrad, "os barcos son todos bos. O problema son os homes a bordo".

LA ISLA DEL TESORO, de Robert L. Stevenson

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. Antón22/8/11

    Hai esas faltas de ortografía Miguel!! jajaja, por certo, librazo que te fai viaxar como na propia Hispaniola! Un señor 10.

    ResponderEliminar
  2. Só eran un par de tiles! Pero en fin, aceptamos o agudo comentario.
    0,1 menos por falta!

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK