Saltar ao contido principal

Castro de Saa: a visita prometida

Primeiro, descubrimos algunhas lendas acerca del en Vellos con Historia. Despois, mencioneino nalgunha clase, ao ver que estaba limpo de vexetación e visitable. E finalmente, intentei levar a algúns de vós nunha excursión na que os fados (e fadas) se empeñaron en que quedara para outro día. Así que, antes de que o curso remate, esta era unha visita pendente para moitos de nós.

En Galicia crese que hai máis de dez mil castros. Pese ao tempo transcorrido desde a súa desaparición (nos primeiros séculos da nosa era), estou seguro de que case poderíamos descubrir un en cada parroquia na que busquemos. A diferenza de Viladonga, a inmensa maioría nunca foron escavados, pero recoñécense perfectamente na paisaxe. Preto de Meira, sei duns cantos. O de Saa, é un dos máis fermosos.


Se abrimos un google maps desde Meira, e seguimos a estrada que leva á Pastoriza, a só tres quilómetros atopamos este desvío. Unha parella de cegoñas aniña xusto no cruce. Seguindo unha pista ascendente, o castro empeza a descubrirse no alto, con forma de coroa (o que explica que moitas veces os vellos nos falen de lugares chamados As Coroas), como se observa dentro do círculo vermello da imaxe que vos pego.

É moi doado aprender a recoñecer na paisaxe pegadas arqueolóxicas coma esta. Só hai que acostumar a vista, e fixarse ben. No caso dos castros, a clave que nos vai permitir identificalos, é a súa forma de ondas circulares, unha dentro da outra, ata chegar a un enorme círculo ou croa. A cresta de cada onda, contén unha muralla. A vaguada de cada onda, contén un foxo. Con esta sucesión de murallas e foxos, os castrexos lograban defender mellor o recinto central ou poboado, que resultaba invisible para o inimigo mentres non lograse atravesar estas enormes estruturas defensivas. Queredes velo?



Pode que Saa teña tres mil anos de antigüidade. O que vedes oculta as ruínas dun pobo que, por diversos motivos, os seus habitantes acabaron abandoando. Nel, cada grao de terra é importantísimo. Toda a información arqueolóxica se atopa no solo, máis que no que nel puidera aparecer. Por iso, agora que sabemos del, e podemos atopar outros, é nosa a responsabilidade de seguir coidando deles. Somos nós os que temos que gardalos de nós mesmos. Polo menos, ata que un día a arqueoloxía nos regale o fiel e impecable reflexo do seu pobo. Un pobo que no seu día, como nós, elixiu vivir aquí.

Comentarios

  1. Andrea Ledo13/6/11

    Eu eu....eu estaba agardando este momento ! Poder entrar no blog, ver outro dos lugares polos que Don Miguel Abraira nos guía, e poder dicir "eu xa o sabía" ! A verdade que isto, xuntado coa explicación dun día no instituto, fixo que me quedase claro como se pode recoñecer un castro! Xa sin escuridades, nin elementos tétricos, aquí temos outro vídeo didáctico que nos permite saber que, a verdade, non fai falla ir moi lonxe da casa para atopar lugares fermosos e con historia ! Agardo máis vídeos e a miña noraboa de novo!

    ResponderEliminar
  2. vendo ese lugar e escoitándote parece que estou alí, tí tránsportasnos a eses sitios que nos amosas e que tan ben nos describes. ¿cal será o seguinte? ¡noraboa!

    ResponderEliminar
  3. Dona Andrea! Non sabes canto celebro que os que ti bautizache como "vídeos didácticos" sigan a alimentar a túa curiosidade... Pero ollo: igual non tardo en volver polo tétrico na próxima entrega.

    Mlp: o seguinte, na propia comarca de Meira. Os tesouros cercanos valen o dobre! Un sitio que me deixou coa boca aberta e facéndome preguntas durante días, semanas, meses... e ata hoxe.

    ResponderEliminar
  4. elvira14/6/11

    O tema dos castros é fascinante e xa estou esperendo ese outro "tesouro".

    ResponderEliminar
  5. Ola Elvira: a ver se nos axudas logo a entender o misterio dese próximo tesouro...

    ResponderEliminar
  6. Anónimo16/6/11

    Eu tamén espero con moitas ansias ese outro tesouro!

    ResponderEliminar
  7. Jeanette18/6/11

    Miguel, grazas por ensinarnos este castro, qe os que vivimos a escasos kilómetros non sabíamos nin da súa existencia!
    Noraboa por ese video!

    ResponderEliminar
  8. Grazas Jeanette! Alégrame moito este comentario! Xa sabedes: coidade del!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...