Saltar ao contido principal

Iguana vs. Serpes: correr para vivir

Vas saltar do asento coma un resorte. Prometido. Porque esta é a secuencia máis salvaxe, fermosa e real que probablemente se teña gravado na natureza. Unha carreira trepidante pola vida, na que ela é a heroica protagonista.



Unha cría de iguana emerxe da area. Asoma a cabeza, observa e decídese a saír para buscar o resgardo das rochas. Pero cando xa está preto, detense en seco. Detecta o perigo. O lugar está infestado de serpes, e xa van a por ela. A iguana, cravada no chan, parece calcular tempos, distancias, posibilidades, mentres as culebras a asedian. Cada segundo que pasa hai menos saída. E de súpeto, pum! A iguana sae disparada comezando unha tola carreira por sobrevivir, na que é imposible non levantarse do asento, non pensar Corre, iguana, corre, ou non sentirse parte desa pequena e valerosa criatura. Parte desa vida salvaxe na que ás veces esquecemos que vivimos.


Non vira unha gravación tan viva e fermosa desde a mítica El hombre y la tierra. As imaxes forman parte da serie Planet Earth II, da BBC, que tras dez anos sen emitirse volveu o pasado domingo a sentar aos británicos diante do televisor, á noite e en hora punta. Non é para menos: imaxes espectaculares, recursos do mellor cine (fixádevos nos planos e os movementos de cámara), a música do sempre impresionante compositor Hans Zimmer (El caballero oscuro) e, de premio, a hipnótica narración do incombustible David Attenborough que, con 90 anos, segue contando a vida salvaxe como ninguén.

O éxito destas imaxes está en que se busca rodar algo excelente. Pero aparte da súa sorte e impresionante calidade final, a captura deste momento representa, dalgún modo, unha metáfora da vida mesma: un mundo hostil e unha loita solitaria, a de cada un de nós, por chegar lonxe, a ese lugar ou ese instante no que a vida lle descubre a un a súa beleza. Iso é a vida: un tempo perigoso, efímero, salvaxe, de oportunidades únicas; e ao fondo, se corremos ben, o premio gordo: vivila.  

Comentarios

  1. Anónimo10/11/16

    Diosssss! Que tensión, paseino realmente mal, como ti ben decías sen deixar de berrarlle á iguana: coooorrre!! De esta vez librouse...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que en apenas dous minutos lograron unha secuencia digna do mellor cine de suspense. Hai tanta tensión nesa carreira que, se o ves máis de dúas veces seguidas, case comezas a sentir maniotas nas pernas de tanto correr. :)

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...