Saltar ao contido principal

Searching for Sugar Man

Imaxina que ti e os teus amigos tedes desde hai anos un mesmo ídolo musical. Conservades como ouro en pano o par de discos que este publicou (pirateados, pois non había forma de dar con eles), sabedes as cancións de pe a pa, incluso as empregades como himno á hora de protestar contra as inxustizas ou de reclamar un país mellor... pero non sabedes nada del. Non houbo máis discos. Nunca apareceu. Nunca o visteis. Non se coñece de onde é. Nin sequera se segue vivo. Como pode ser posible que alguén que vos deu tanto coa súa música desaparecese sen deixar rastro?

Hai quen di que morreu. Incluso que se suicidou nun escenario tras comprobar que o público se estaba a rir del. Ata que un día, movidos pola esperanza de que sexa mentira, ou pola ilusión de facerlle xustiza á súa música ou pola curiosidade de saber que pasou realmente con el, decidides empezar a buscalo. O imaxinades? Pode. Pero o que nin de broma poderiades imaxinar é o que íades atopar... 

Clic na imaxe para ver o tráiler.

Hai historias que o teñen todo. Aquí hai unha historia tan potente que non importa que sexa un documental. Non importa que pareza un musical. Non importa que sexa sobre un artista descoñecido. Esta historia é tan incrible, tan orixinal, tan (in)xusta e tan grande, que se come a pantalla a bocados. Empezas e veste atrapado pola súa música, polas preguntas sen resposta e polas ganas de saber que demo pasou para que este home non atopase o recoñecemento que todos din que merecía. E así vas, collido da man, durante pouco máis dunha hora, da curiosidade á tensión, á esperanza, á sorpresa e ata un final apoteósico, do que, dalgunha maneira, tamén ti te sentes parte...

Acabas, e entendes perfectamente cal é o significado da palabra éxito. 
Nin fama, nin renome, nin cartos... éxito é saber comprender a vida como a comprendeu Rodríguez. 
Con razón todos querían atopalo...

Comentarios

  1. No mundo probablemente hai moi pouca xente como Rodríguez, moi poucas historias como esta...
    Que viva a curiosidade que sempre nos fai seguir un pasiño máis, e que vivan estes descubrimentos!

    ResponderEliminar
  2. E despois de buscalo... non podo deixar de escoitalo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Equinoccio versión San Miguel de Celanova

Aliados coa natureza, tamén nós podemos facer cousas incribles . Mirade que beleza. Hai máis de mil anos, polo século X, os monxes do mosteiro de Celanova decidiron construír no horto do convento unha capela diminuta para honrar coas súas oracións ao fundador do mosteiro. Diminuta e única no seu estilo, entre visigodo e mozárabe. Tan perfecta que a capela está matematicamente aliñada para captar polas ventás a luz do amencer en dous días concretos e moi especiais do ano: o equinoccio de primavera e o de outono .   E a que non sabedes que día foi hoxe...? Vía Nun par de minutos espectaculares , a luz do sol cólase polas estreitas ventás da fachada Leste e, tras atravesar como un coitelo o escuro interior da capela, sae exactamente pola estreitísima ventá que decora a fachada contraria, formando o rosetón de luz que tan ben se ve na fotografía. Non sei que pensarían os monxes cando vían isto cada primeiro día da primavera e o outono... Cun espectáculo así, preg...

A memoria da choiva

Ollo... Esquecédevos da riquiña  Os fillos do mar . A nova novela de Pedro Feijoo entra polos ollos de maneira despiadada e con auténtica ira. A ira de Rosalía, que emerxe vingadora nunha serie de brutais crimes . Todo iso que nos contaron dunha Rosalía de Castro feble, depresiva e nostálxica quizais non era máis cá un monte de merda arroxado sobre a súa verdadeira personalidade. É que non o vedes? A moitos lobos interesáballe vendela así, manipulada e desdebuxada ata o extremo. Pero sen que eles puideran sabelo, todo ese conto, todas esas mentiras foron inxectando nalguén que permanecía oculto " un sangue negro, duro coma o ferro, un río mesto e pegañento de cólera e desesperación ". E agora, cando menos o agardaban, chegou a hora. Alguén está a tomarse, con violencia e brutalidade extremas,  a xustiza pola man . Santiago de Compostela, ese impresionante escenario . Un coñecido colaborador televisivo aparece asasinado na súa casa cun ferro de vinte e dous centímetr...