Saltar ao contido principal

Os nenos e o fotógrafo

El non o sabía pero esta ía ser unha das súas últimas fotografías antes de morrer. Andrea Rocchelli tiña só 30 anos, era fotógrafo de guerra, e atopábase cubrindo o conflito ucraniano ata que un disparo de morteiro, nun fogo cruzado, rouboulle a vida...

Porque a vida tamén cha poden roubar
Fotografía de Andrea Rocchelli/Cesura


Sloviansk, Ucrania. Unha casa. Un soto escavado no chan. Silencio absoluto, do que dá medo, só roto polos lentos pasos do fotógrafo e o home que o precede. Tes que ver isto, dille. O mundo ten que saber isto, repite constantemente. Camiñan a escuras ata divisar un furado do que sae unha luz. Andrea, cámara en man, prepárase para o peor. Quizais un enfermo, ou un cadáver, ou un arsenal de armas ocultas. E achégase despacio para ir descubrindo a escena. A luz reflectida nunha ducia de vidros. Estantes de táboas. Unha escada... e moi abaixo, en absoluto silencio, dez nenos agochados entre botes de conservas. Non xogan. Non bromean. Non sorrín... Respiran medo. Durante uns longos segundos, só o obxectivo da cámara separa as súas miradas. O home conta que acaban de oír pasar un avión, que a seguinte pasada será de bombardeo e que alí están agora todos os nenos do barrio. A Andrea Rocchelli as bágoas anúbranlle a vista mentres axusta diafragma e velocidade. Acaba de lembrarse de el mesmo con 9 anos, tamén a escuras, pero no salón da súa casa, vendo con ollos moi abertos (como a súa irmá) a película La lista de Schindler. Acaba de lembrarse daquela secuencia dos nenos agochándose ata nos pozos negros, e non pode crer que teña o mesmo agora diante dos ollos, no encadre da súa cámara. Que estea pasando algo así...

Fotograma de "La lista de Schindler"
Dispara unha, dúas veces, tres veces, antes de que a auga se derrame desde os ollos... Non sabe que pensarán os nenos sobre el. O único que sabe o fotógrafo de guerra é que sente alivio de ter algo tras o que poder ocultar as bágoas, o rostro e a vergoña de ser humano.

Vía
Vía
A Andrea Rocchelli,  por facernos ver.

Comentarios

  1. Sandra30/5/14

    :-( Paréceme moi triste e duro. Como pode estar pasando esto no mundo? Lembro aquela entrada Miguel, que fixeras de unha ONG, aquela da ruleta de vida, penso que era algo así, ti pulsabas e onde parara a ruleta era onde nacías, con isto viñan a decirnos a sorte que tivemos de nacer aquí e que puido ser en calquera outro sitio, un sitio no que pasan cousas tan horribles coma as que sufren estes nenos :-( O mundo ten que cambiar.

    ResponderEliminar
  2. "Lotería da vida", chamábase:
    http://moedasparacaronte.blogspot.com.es/2011/11/son-eu.html

    Era unha iniciativa da ONG "Save the chidren". Había un disco xiratorio, e nel o nome de todos os países do mundo. Iso si, estes nomes non ocupaban todos o mesmo espazo dentro do disco, senón que o seu tamaño era proporcional á porcentaxe de poboación mundial que vive neles. Ao xogar descubrías as mínimas posibilidades que terías de volver nacer nun país que respecte os dereitos humanos, que estea libre de guerras, ou que ofreza algunha posibilidade para ter unha vida "normal". Por algún motivo, hai xa uns meses que descubrimos que, pese a seguir existindo a páxina, o xogo deixou de funcionar. Unha mágoa, porque era impresionante e do máis útil para "poñerse no lugar de".

    ResponderEliminar
  3. A vida, ás veces, é unha foto. Así de cruda. Así de difícil.

    E tamén as veces, ese "click" na realidade, ten detrás unha historia que debe ser contada. Como a de Andrea. Unha le a túa entrada, escribe o nome do rapaz en Google e só lle fan falta uns minutos para quedar co corpo feito "blandiblú".

    O mundo non avanzou tanto como pensamos. Queda demasiado traballo por diante...

    :/

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...