Saltar ao contido principal

O Señor do Miño

Hai tempo que quero ensinarche un sitio especial. Medieval. Pequeno. Misterioso. Pouco coñecido. E que sempre atopei pechado. Ata que un día deume por preguntarlle a unha veciña. E pódese entrar a velo? Pódese, ten que ir ao bar que hai no medio das casas a pedir a chave. E fun. E collina, e volvín só ao lugar. E foi entón cando sentinme unha especie de Señor do Miño, marchando seguro coa miña chave na man, decidido a empoleirarme no punto máis alto e inexpugnable do Baixo Miño.

Que? Atréveste a entrar?

Ñiiiiiiiiieeeeeeeeee! Recontra que escuro está! A ver, dalle á chave da luz. Xa lle din, pero nada. Como? Que non hai luz? E como demo imos a ver onde pisamos? Espérate, imos abrir ben a porta para que entre algo de luz de fóra.


Madeira apolillada, cagadas de morcego, teitos tan altos que non se ven... e ao fondo unha escada para subir que se perde na escuridade. Isto promete! 


Espérate que poña un pé e non se veña todo abaixo... Ah, pois mira, non; só cede un pouco ao peso do corpo, pero paréceche seguro. Veña valente, deixa de buscar os morcegos e tira para arriba! 


Hai tanta altura que salvar para chegar ao seguinte piso que a escada está montada en dous tramos. Ao lado da porta ben, pero canto máis subes, menos ves. Ademais son moi verticais e hai polo menos medio metro de distancia entre cada chanzo. A subida impón, pero pisar no reducido e trillado espazo do descanso xa empeza a meter algo de medo. Asi que non mires abaixo, e gabea!


Catro plantas! Unha tras outra hai que salvar, ata que chegas a esta especie de faiado, xa de teito máis baixo e absolutamente escuro. A madeira do piso parece máis húmida. Ten que haber unha saída ao exterior, pero onde está? Prendo a lanterna. Hai unha escada máis, pero acaba nunhas pequenas contras pechadas con ferros. Será iso? Poderanse abrir? 

Ñiiiiiiiiieeeee. Pódese! Vaia cambio ver a luz do día. E que altos temos que estar. Hai que meterse pola ventá para poder saír á superficie. Pero vaite con coidado, non vaiamos cagala agora, a corenta metros de altura. Escoita, xa se oen os paxaros que voan fóra, arredor do fortín. Preparados?


Preparados para entender 
por que un pode sentirse aquí o Señor do Miño?

Non vos dan ganas de ser un membro da casa Stark 
e botarse a conquistar os Sete Reinos de Poñente?




E agora que falamos de Xogo de Tronos
non vos recorda esta mirada abaixo ao coitado de Bran Stark?
Asómate, e mira. Ergue a cabeza. 
Sente o vento e escoita a auga do río. É para vivilo.

Agora a Torre de Lapela é túa. Tes 700 anos de Historia baixo os teus pés. Oito séculos e aí segue dereita e leal, amarrada coma un bote ao Miño, vagamente perdida entre as vilas de Monçao e Valença, na beira portuguesa do río que nos une.


Un lugar así, nun sitio coma este, ben merece unha subida (e unha baixada) con certos riscos (e con moitas precaucións). E ben merece sobre todo ser mimado e conservado. Non todos os días pode un atopar un lugar así de auténtico, que che faga sentir coma un bo Señor do Miño. Ou polo menos que che ofreza unha inesperada tarde de aventura

Clic para ver unha panorámica de 180º

Comentarios

  1. Magoa!!!. Puidemos haber ido aquel día do das bicis todos xuntos ou un grupo a Torre. Cagoo ennn!!

    Pero se se pode visitala de balde haberá que ir un día!

    ResponderEliminar
  2. Eramos moitos! Pero si que tería estado ben achegarnos a vela. De feito foi ese día, mentres facíamos a foto diante da antiga estación de ferrocarril, cando quedei coa idea de que tiña que volver.

    É de balde, é bonito, e é toda unha experiencia. Iso si, con coidado extremo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...