Saltar ao contido principal

Los surcos del azar

O día en que París foi liberada dos nazis, as súas xentes botáronse á rúa para recibir ás tropas aliadas. Francia liberada por franceses, foi o discurso oficial. Pero cando os parisienses se botaron á rúa para recibir cos brazos abertos aos seus liberadores, moitos preguntábanse por que os blindados e carros que desfilaban ante eles levaban escritos nomes españois como: Santander, El Ebro, Don Quichotte, Teruel ou España Cañí. 


Non sabían que foran liberados por La Nueve, a compañía formada por 150 españois exiliados e ao mando do francés Capitán Dronne. Republicanos sen patria que, tras tres anos de guerra contra Franco, víronse en plena Segunda Guerra Mundial e non dubidaron en alistarse para seguir loitando contra o fascismo en Europa. Tras participar no desembarco de Normandía e avanzar a través de Francia, eles foron precisamente os primeiros en chegar e tomar París, onde a poboación saiu a recibilos en plena noite (24 de agosto de 1944) entre mostras de enorme cariño e agradecemento. Por iso, no desfile das tropas aliadas pola cidade, dous días despois, reservouse a La Nueve a honra de escoltar ás autoridades nos Campos Elíseos, co Arco do Triunfo ao fondo.

Soldados españois de La Nueve, desfilando nos Campos Elíseos.
As letras brancas no vehículo din: Santander  

Como unha historia tan sorprendente pode ser tan descoñecida? Fácil. Porque se silenciou. En Francia, porque interesaba estender a idea de que foran os propios franceses os que lograran en solitario a proeza de recuperar París aos nazis. E en España, porque a Franco tocáballe moito os pés que uns cantos exiliados republicanos levasen o nome de España por Europa, na loita contra o fascismo. Entre uns e outros, o tempo foi soterrando o recordo dunhas imaxes que deberan ser coñecidas por todos.

E agora comparade as fotografías de enriba con estas viñetas, e dicídeme: canto pode gañar unha historia cando a contamos ben? A resposta está ben clara no formidable cómic Los surcos del azar, de Paco Roca:

Los surcos del azar, da editorial Astiberri
A incrible historia de La Nueve recupera toda a súa cor, intensidade e vida nas páxinas desta fermosa novela gráfica, que recobra non só a aventura senón as emocións. O propio autor aparece debuxado na historia, que é reconstruída a través dos recordos dun daqueles soldados españois. Desde a saída apresurada de España, nun porto de Alicante ateigado de miles de persoas querendo fuxir...
...Ata a odisea vivida por estes españois no deserto de África en campos de traballo, e a súa posterior entrada na 2ª División Blindada da Francia Libre coa que acabarían reconquistando París aos nazis

Esta será a fermosa portada do cómic en Francia, onde sae en Abril co título "La Nueve"

Os soldados de La Nueve alimentábanse dunha ilusión: que tras gañar aos nazis os aliados lles axudasen a quitar a Franco de España. Pero unha carambola histórica fixo que este soño nunca se cumprise. Por iso, a pesar da súa xesta, eles foron precisamente os únicos soldados de todo o bando aliado que, ao rematar a guerra, se viron solos e sen unha patria á que poder regresar. E aínda así nunca se arrepentiron. Como di o protagonista, xa vello e vencido, desta historia: "A mí me tocó vivirlo. Estaba allí y luchar contra el fascismo me pareció tan necesario como respirar".

Edición española de Los Surcos del Azar, editorial Astiberri.

"¿Por qué llamar caminos a los surcos del azar?"
Mellor Comic do ano 2013 en España

Comentarios

  1. Vitoria11/3/14

    O meu ábrese so pola dobre páxina do poeta, os tons grises que dominan practicamente todo o libro aquí vólvense aínda máis grises.Enfermo, triste, humillado... un camiño de ferro, contradicindo o seu propio verso, levouno a morrer en Collioure... tan lonxe, tan lonxe,tan lonxe de "los días azules y el sol de la infancia"
    E alí segue casi ochenta anos despois, tan esquecido como Miguel Ruiz,como todos os que formaron La Nueve, como tantos que morreron en España, e sobreviviron en España...
    Eu visitei a súa tumba en pleno agosto e o frío non se me ía do corpo.
    Por eso ler LOS SURCOS DEL AZAR,pode ser unha maneira de mitigar a cruel inxustiza que a historia cometeu con todos eles.

    ResponderEliminar
  2. Antonio Machado morreu de pena. De medo, de frío, de nostalxia, de fracaso, de angustiosa soidade, mentres soportaba longas esperas para poder fuxir de España. Del é o verso do que toma o título este cómic.
    Esa que ti dis, Vitoria, paréceme unha das poderosas páxinas de LOS SURCOS DEL AZAR. Apenas hai palabras nela. Está tan ben debuxada, as emocións están tan claramente expresadas, que non fai falla engadir nin unha soa palabra. Ves ao poeta, e entendes o que é morrer de esgotamento, tristeza e decepción.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...