Saltar ao contido principal

O grito de Munch, e outras razóns para berrar

O ceo é vermello e o mundo derrétese entre espirais de vento. Un home só e aterrado sostén a cara con forza entre as mans, mentres berra. Grita o máis forte que pode, e non calará ata que iso pare. Nunha diagonal que parece unha coitelada, unha varanda lévanos ata un segundo plano, no que unha parella pasea coma se nada oíse. Tampouco ao fondo, os barcos ou a cidade de Oslo, parecen percatarse do que pasa. Pero, que pasa? Será un pesadelo? Será a culpa? Será unha catástrofe? 

O grito, Munch. 1893
Case agradecemos que haxa un marco pechando o cadro. Se houbese un cristal sobre o lenzo seríanos fácil imaxinar ese rostro pegado contra o vidro, como pelexando por saír...

Por que pintou Munch algo así? A maioría explican o cadro aludindo a unha infancia penosa, marcada polas desgrazas familiares e outros tópicos psicolóxicos. Hai quen di que se inspirou na figura dunha momia peruana que viu na Exposición Universal de París en 1889. Pero a hipótese máis novedosa publicouse en 2003. Para Donald Olson, o ceo vermello do cadro de Munch estaría evocando un cataclismo natural: a catastrófica explosión dun volcán na illa Krakatoa, en Indonesia, en 1883. A explosión foi tan violenta que provocou a desaparición da illa, o estrondo máis ruidoso xamais rexistrado, varios tsunamis e unha nube volcánica que se puido ver en todo o planeta durante tres anos... incluso na Noruega de Munch, tal e como recolle a prensa da época. Non sería entón nada estraño que o pintor usara a visión daquel ceo abrasado como escenario idóneo para berrar os seus propios medos.

O grito resultaba tan impactante que había que desdramatizalo. Por iso comezou a transformarse en icono pop, para desactivar parte da incomodidade que nos provoca. Ata Homer Simpson ten aparecido xa nese cadro! Para algúns, así é máis soportable. O último exemplo desta desdramatización atopeino nunha divertida campaña publicitaria de Noruega, no que celebran o 150 aniversario do nacemento de Munch convidándote a visitar o país e a comprender de paso o por qué do famoso cadro de Munch:

Queredes saber o seu curioso por qué de O Grito? 
Pois Clic na foto!


Así que O grito só podía ser pintado en Noruega...

Aos meus amigos do Rosal, 
que pelexan desde onte baixo un ceo vermello, entre espirais de vento.

Comentarios

  1. Sandra2/9/13

    Este lenzo podería representarnos moitas veces, gústame como o usaron no anuncio, está moi ben!! e nun modo máis de ledicia que de susto ou de desesperación. Pero o certo é que parece que o que Munch quixo representar é iso: a desesperación, o susto, o medo, etc e ben valería como dicía ó principio para representarnos en moitos momentos, por exemplo co lume en toda Galicia, un auténtico horror ver como arden hectáreas e se destrúe todo, dan ganas de gritar e gritar.
    Eu votaría pola terceira hipótese do porqué Munch pintou un lenzo así.

    ResponderEliminar
  2. Certo! Ás veces, non dan ganas doutra cousa que non sexa berrar... Vendo un telediario, por exemplo.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...