Saltar ao contido principal

Normandía? Non... Laxe, Galicia

Como me gusta esta foto!



Tres nenos galegos apenas poden crer o que ven. Un avión de combate estadounidense acaba de pousarse no areal de Traba. É domingo e, hai tan só uns minutos, todos os veciños vírono cruzar o ceo, perdendo altura cara á praia, cos motores ruxindo e a cabina empezando a arder. Achéganse correndo. Detéñense. Dubidan. Desexan coñecer, pero temen que a forza do mar o desprace cara eles... A poucos metros, piloto e acompañante queiman apresurados un feixe de papeis, e xesticulan mentres berran algo estraño, que sona a: Fon! Fon, plis! Fon!

Era o 22 de outubro de 1944, o desembarco aliado en Normandía triunfara e o cerco aos nazis empezaba a debuxarse. Galicia, pese a estar lonxe da fronte, era frecuente zona de paso para navíos, submarinos e aviación de ambos bandos. Aquel día, Eugene Casale e John Kurek viaxaban nun bombardeiro Douglas A-26 desde Marrocos a Inglaterra, cando a cabina empezou a arder, e víronse obrigados a unha aterraxe forzosa. Os veciños acudiron e atoparon aos dous homes queimando documentación, facendo xestos para avisar do risco de explosión e preguntando por... un teléfono! 

A fotografía foi realizada daquela por un retratista de Laxe, José Vidal. Pero o máis bonito desta historia vén agora. Porque grazas a ela, e tirando do fío, varias persoas veñen de lograr localizar en Connecticut (Estados Unidos) a Eugene, o home que aquel día fixo aterrar este avión na praia de Traba. E contan que con 92 anos, o vello piloto (a vista e a memoria desgastadas) sostivo nas mans a fotografía do seu plateado aeroplano, mentres dicía... Mira, este era o meu avión. E esa era a xente que nos axudou. E esta, como se chama?... esta era a praia máis fermosa que vin nunca...

E non me estraña... 

Feliz reencontro. 
Feliz capítulo (que xa é difícil...) da IIGM.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...