Saltar ao contido principal

A ronda de noite, en vivo

Coñecedes "A ronda de noite", a famosa pintura de Rembrandt?
Imaxinade que un día calquera, indo de compras, todo este inmenso cadro se planta ante vós.

Difícil de imaxinar...? Pois facede Clic na imaxe!
e preparádevos para o espectáculo.


É unha das pinturas máis coñecidas da Historia da Arte mundial, e tamén o tesouro máis prezado do Rijksmuseum de Amsterdam. O museo levaba varios anos pechado por reformas, así que decidiron anunciar a súa reapertura desta maneira tan espectacular: recreando a escena da súa obra máis coñecida, nun dos centros comerciais da cidade. Xenial.

O cadro atesoura unha historia chea de curiosidades. Por exemplo, Rembrandt non o chamou así cando o pintou (cara 1642), pero no século XIX o deterioro era tal que en efecto parecía representar unha garda nocturna, e de aí o título. Ao restaurala descubriuse que a escena desenvólvese en realidade no interior dun portalón no que se cola un potente raio de luz do exterior. Os representados son a Compañía de Arcabuceiros de Amsterdam, unha especie de garda da cidade, que encargou esta obra para colgar nunha enorme parede da súa sede. Tan enorme, que cando se trasladou de edificio, tiveron que recortala por dous lados (sacrilexio!) para que collese na súa nova ubicación

Se vos fixades, non é un retrato estático, non están posando. Como boa pintura barroca, nela hai acción, movemento, dinamismo. Algún tipo de misión está esixindo a súa mobilización inmediata. Prepáranse os tambores, lanzas, arcabuces, bandeiras... Por outra parte úsase o claroscuro: xógase coas luces e sombras para destacar a escena central e, xa dentro do grupo, fronte ao tenebrismo que domina o cadro, a luz amósanos unha nena inesperada, cun galo pendurado da cintura: unha forma moi orixinal de representar o emblema da Compañía.

Que penurias leva pasado este cadro... Ademais de ser recortado no XVIII, durante a II Guerra Mundial pasou oculta varios anos en búnkers ou refuxios soterrados, para evitar calquera dano. Chegouse incluso a separar o lenzo do seu marco orixinal para gardalo enrolado nun tubo. Anos despois, xa restaurada a pintura e colgada no Rijksmuseum, foi atacada en dúas ocasións: a primeira cun coitelo; e a última con ácido... Pero afortunadamente aí segue, dando guerra. Máis viva cá nunca...

Comentarios

  1. Sandra5/4/13

    Encantoume!! :-) Moi boa idea e forma de anunciar a reapertura do museo, gustaríame haber estado nese centro comercial cando fixeron a representación. E tamén me gustou a historia do cadro, non sei como se conserva!! con todo o que leva pasado!!, pero esta aí e o grande!! merecedor de tal representación e de que esté "máis vivo que nunca" coma dis ti Miguel.

    ResponderEliminar
  2. Si, foi unha idea moi orixinal. Seguro que cando volvan poñerse fronte a este cadro, moitas desas persoas o verán con outros ollos...

    Se cada vez que vísemos unha pintura os seus protagonistas saíran a perseguirnos ou nos envolveran coa súa historia, as pinacotecas serían o mellor parque temático do mundo. Aínda que no fondo, ver un cadro xa é un pouco iso... deterse nas formas, nas cores, recoñecer emocións, facerse preguntas, sacar a pasear a nosa imaxinación para poñela sobre a do pintor.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...