Saltar ao contido principal

American History X

Que farías se o teu propio irmán fose un neonazi?


Derek é un fascista de hoxe. Un neonazi. Por educación e como resposta a un entorno marxinal e hostil. Un día, algo fai que Derek vexa ameazada a súa seguridade na súa propia casa. E ese dia, comete un erro visceral e atroz. Un erro que só pode verse en branco e negro. Un erro que o perseguirá toda a vida. Como esa esvástica que leva tatuada sobre o corazón, e que xamais poderá borrar da súa pel.

É un dos carteis máis impactantes do cine dos últimos anos. E a película tamén. Porque hai mil pelis sobre Hitler e o perigo do nazismo. Pero esta... Esta é tan tensa, tan crible, tan natural, que pon os pelos de punta. Cun Edward Norton brutal, musculado, tatuado e caracterizado que dá medo... Un actorazo capaz de facer na mesma película que o temas, que o repugnes, que o comprendas, que o respectes, e que o queiras. Que se di pronto. Unha película que chega e non se esquece, que educa coma poucas, e despois da cal ningún fanatismo será posible en vós. Porque hai que facerse a un mesmo as preguntas correctas.

Comentarios

  1. Brutal. Unha das mellores películas da década dos noventa con escenas impactantes (mandíbula en bordillo). E Edward Norton espectacular, un dos seus mellores papéis, que competía con Benigni nos Oscars e non puido vencer ó italiano pola súa interpretación en ''La Vida es Bella'', premio moi merecido tamén.

    ResponderEliminar
  2. Totalmente de acordo. É certo que o Oscar a mellor actor a Benigni tamén era merecido, pero... que este papelón quede sen premio...

    Animádevos a vela! E despois contádesnos.

    ResponderEliminar
  3. Antón31/1/13

    Es-pec-ta-cu-lar!! Primeira interpretación que vin de Edward Norton. Unha peli que me marcou moito axudada pola pequena idade na que a vi as escondidas :D Logo viría El club de la lucha... e sen palabras por unha segunda vez!

    ResponderEliminar
  4. Cando o din dous que saben de cine... xa non hai dúbida!

    Moi boa a anécdota de ver a peli a escondidas, Antón. Teño algún recordo similar, pero con "El exorcista". "American History X" é dura, pero educa; e é apta para calquera con máis de 13 anos.

    ResponderEliminar
  5. Antón6/2/13

    Eu tamén teño recordos con El Exorcista!! Jajajaja demasiado pequeno era tamén jaja debe ser por iso que a día de hoxe aínda é a película que máis pánico me causa de todas as que vin :)

    ResponderEliminar
  6. Jajaja.
    E como a viches, Antón?

    Eu tiña unha tele pequena no meu cuarto. Era de noite, e vina coa luz apagada. Cada vez que se oía á nena Regan berrar con esa voz de "Sepultura", cambiaba de canal... E a base de cambios a destempo, acabei atrevéndome a mirala enteira. Iso si, de vez en cando, botando un vistaciño debaixo da cama... por se acaso. :)

    ResponderEliminar
  7. Antón6/2/13

    Pois foi algo bastante semellante, era de noite, creo que a estaban botando na 2 jaja eu tamén cambiaba de canal cando unha determinada escena me daba demasiado medo jajaja nunca na miña vida me olvidarei, e isto é certo, da primeira aparición da cara demoníaca nesa especie de "mensaxe subliminal" cando a nena está no hospital, esas cousas de neno flipan moito! xD e aos cachiños acabeina por ver enteira, coma ti :D

    ResponderEliminar
  8. Como para non impresionar!
    Eu creo que lograron transmitir a sensación de que o que se vía era certo ou podería selo. E conseguir iso en 1973, xa ten tela. Fai 50 anos!

    Que bo momento para vela outra vez... Facemos un pase Especial Aniversario? Non vale cambiar de canal! :)

    ResponderEliminar
  9. Antón7/2/13

    Fai 40 Miguel!! Non 50!! jaja aínda así, apúntome ao pase de aniversario, a parte, eu teño o director's cut, ou sexa, a versión extendida de toda a vida, coa que aínda disfruto máis, se disfrutar entra nas emocións desta peli :)

    ResponderEliminar
  10. Pois menos mal que mo dis! Aló ía eu de cabeza cos 50 anos! Aínda así, como ti dis, merece ese pase aniversario!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...