Saltar ao contido principal

A pomba que loitou na II Guerra Mundial

Hai un mes, un británico deu cos restos dunha pomba mentres reformaba unha cheminea. Debía levar alí tempo, pois apenas quedaban os ósos, pero sorprendeuno ver un pequeno tubo vermello suxeito a unha das patas. Coa curiosidade dun neno nun faiado, o home separou o frasco da extremidade do animal. Despois, abraiado pola descuberta, sostívoo entre as mans, mirándoo desde todas as ópticas posibles. Era cilíndrico, do tamaño aproximado dun dedo. Lembroulle a un daqueles botes nos que se metían os carretes antes de que existise a fotografía dixital. Con xesto nervioso, comezou a desenroscar a tapa. Preguntouse canto tempo tería pasado sen que ninguén abrise aquilo, e sorriu ao descubrir unha sombra branca no interior. Dentro había un pequeno rolo de papel. Quitouno con coidado. Non era moi grande, e ao trasluz deixaba ver algunhas manchas de tinta. Desenvolveuno. 27 grupos de 5 letras. Sen sabelo, Harry (ou como se chame), acababa de recuperar unha mensaxe segreda da II Guerra Mundial. Esta:









O noso amigo inglés non entendeu nin papa (diso se trataba), pero pareceulle interesante. Así que chamou ao goberno, e este aos do Servizo de Intelixencia do Reino Unido. Nin idea. Durante dúas semanas, xogaron aos xeroglíficos sen lograr descifrar que poñía o papel. Ata que o fixeron público, por se algún listo lograba dar coa clave do acertixo... E entón, o listo apareceu. En Canadá, en concreto. Historiador, o tío.

Tardou 17 minutos. O tempo que lle levou ir desde o xornal ata aquel libro antigo que o seu tío-avó trouxera da guerra: Libro de Observadores Aéreos do Real Corpo Aéreo Británico, para aplicar as claves que contiña á mensaxe da nosa pomba:

"Golpear a los panzers de Jerry aquí.
Tropas, carros armados, baterías, ingenieros, aquí."

Asinado polo británico Sarxento Scott, de 27 anos, desde Normandía (Francia), o día 6 de xuño de 1944, ás 15.26 horas. O Día D. O día do Desembarco de Normandía. O sarxento foi listo. Avisaba así aos seus mandos da situación das tropas alemanas. Información urxente e top secret, que enviou por dúas pombas distintas (tamén eso di a mensaxe), a modo de certificado. Non sabemos que pasou coa outra. Pero esta, con retraso ou sen el, cumpriu. Valente e leal como unha pomba de guerra...(Noticia orixinal, AQUÍ).

Comentarios

  1. A que si...? E iso que nos falta a versión da protagonista. Se as pombas falasen...

    ResponderEliminar
  2. sandra27/12/12

    É verdade! Se as pombas falasen! Pedazo moeda e historia! Calquera de nós estaríamos "coa curiosidade dun neno nun faiado". :-)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...