Saltar ao contido principal

Feísmo de altura

Adiviña adiviñanza: Cíes ao fondo/ Vigo ben diante/ illado paraíso/ nos tempos de ante... Que é...?!



Resposta: a illa de Toralla, hai só uns anos. Natural, areosa, cun castro e unha necrópole romana intactos... Do máis atractiva e apetecible, en plena ría de Vigo... A foto estaba nunha tarxeta postal, como esas que enviades cando ides de excursión. Atopeina esta semana nunha libraría de vello, que así se chaman as librarías que venden libros e obxectos de segunda man. Pero tardei un bo cacho en asociar a imaxe da illa (que por certo se ve moi ben desde a praia de Samil) coa que ten actualmente... E non me extraña... Porque nos últimos anos a aportación humana alí foi extraordinaria. Por non dicir extraterrestre... E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aí van dúas.


A paisaxe, destruída por unha torre aberrante de... 70 metros de altura! A illa, agora unida a terra e, enriba, de acceso privado, polo morro. O castro de tres mil anos, debaixo da urbanización de luxo. A necrópole romana, baixo o parque infantil... 800 persoas xogando ás Barbies nunha porción de terra que non supera nin os 20 metros de ancho...   E no horizonte (no Skyline, como din por aí adiante), o máis vistoso que hoxe ten a illa é ese horrible mamotreto de 600 apartamentos rompendo a vista das Cíes... O que podía ser un lugar especial en Vigo, agora é exemplo vivo de feísmo (o culto ao feo). Feísmo de altura. 


E xa postos, unha curiosidade literaria (non hai mal que por ben non veña): precisamente nun dos apartamentos da torre-mamotreto da foto aparece o cadáver dun saxofonista, asasinado a sangue frío e con extrema crueldade: atado á cama, amordazado e cos xenitais feitos un cisco por algún produto que o asasino lle inxectou. Un caso extraño e horripilante (mira... como a torre!) do que se ocupa o atormentado inspector Leo Caldas na exitosa novela "Ollos de auga", de Domingo Villar.

Comentarios

  1. Menos mal que o feísmo parou aí e non seguiu invadindo as illas...

    O humano destrozou un dos espazos con máis encanto de Vigo. Se percorres a costa dende a praia do Vao ata Canido ves coma esa inmensa torre te está a mirar desafiante. E cando te vas afastando pola estrada segue aí... Polas noites mete medo.

    É un bo exemplo de feísmo de Vigo; aínda que non é o único. Dá mágoa vela dende a ría...Parece que a moitos lle gustaron (e lle gustan) as torres que se erguen en diferentes rúas da cidade.

    O peor... que non aprendemos, que aínda se están a construír edificios iguais e que seguemos destruíndo o noso patrimonio cultural, histórico e natural.

    ResponderEliminar
  2. Un día a salvaxe natureza, desperezándose, poñerá as cousas no seu sitio...

    ResponderEliminar
  3. Sandra27/8/12

    tremendo feísmo!! tremendo mamotreto! que maneira de estropeala natureza!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...