Saltar ao contido principal

Choiva de Perseidas

Dánae recibindo a choiva de ouro. Tiziano, ano 1553. Museo do Prado.











Acrisio era rei, nada menos, dunha polis grega. Tiña riquezas, poder, prestixio e ata coroa, supoño. Pero... algún oráculo xoguetón profetizáralle que no futuro ía morrer asasinado a mans dun neto. Así que, moi resolutivo e facendo gala da súa real intelixencia, o monarca argallou pechar nunha cela a Dánae, a súa unica filla, de modo que ningún home puidera enxendrala: "non tendo netos, mal pode cumprirse o presaxio", pensou Acrisio... E ufano de si mesmo, deuse dous bicos pola ocorrencia. 

Inocente... Non contaba con Zeus, quen, ademais de pai de todos os deuses, era un Sex Machine en toda regra (aínda que James Brown e a canción non existiran daquela). O conto é que, un día, mentres Dánae, roída polo aburrimento, quitaba un pelo dunha perna e tentaba poñelo na outra, unha extraña e dócil nube de ouro deu en colarse polo teito, precipitándose suavemente sobre o corpo da moza. Tan suave, que nin o can ergueu unha orella (segundo Tiziano, claro). A ela pareceulle que aquela néboa a cubría dun intenso e agradable frescor. Non sabía que Zeus transformárase en choiva de ouro para poder abrazala... Nove meses despois, mentres Acrisio escachaba a cabeza contra a parede preguntándose como era posible, Dánae daba a luz a Perseo: un semideus, un heroe mata Medusas, un home para Andrómeda.

E diredes vós... e a min que me importa? Pois importa. Porque hoxe, precisamente hoxe, como cada ano, é a noite das Perseidas. A noite en que choven centos de luminosos meteoros no ceo, xusto na zona na que as estrelas forman a constelación chamada... Perseo. Bonito, ¿verdade? 

Perseidas, no Lago Balatón. Fotografía de Tamas Ladanyi.
Cada ano, por estas datas, na súa elipse arredor do sol, a Terra crúzase de cheo na órbita dun cometa, atravesando a intensa estela de pó que este deixou tras de si. Cando estas partículas penetran as capas superiores da atmosfera, a fricción fai que se acendan, converténdose en meteoros que, durante apenas un segundo, debuxan brancos trazos de luz na negra bóveda do ceo. A de hoxe será a noite de maior intensidade: unhas 150 estrelas fugaces cada hora, máis ou menos a dúas por minuto. Como este fenómeno cadra sempre polo San Lourenzo, a tradición cristiá explicábao dicindo que en realidade eran as súas bágoas, xa que fora queimado vivo sobre unha grella. 

Coñecidos o mito, a crenza e a ciencia, só queda engadilo á lista de experiencias da nosa vida. Instrucións: Rezade a Zeus (a quen mellor?) para que estea despexado, libre de nubes. A lúa estará en minguante, co que non alumará moito, e ademais non sairá ata as 2.00 da madrugada, así que o mellor momento será antes desa hora. Elixide un lugar escuro, lonxe da contaminación lumínica, e libre de montañas, edificios e barreiras visuais. Orientádevos cara ao N-NE (lembrades os puntos cardinais?), pois é alí onde está Perseo. Sentádevos, recostádevos, dádevos dez minutos para habituar os ollos á escuridade. Observade sen fixar a vista, a mirada cóncava e ampla.  E cando vos deades conta... as Perseidas racharán enérxicas e fugaces o teito que algún inocente Acrisio ideou para encerrarnos... Sorte.

Comentarios

  1. A noite pasada, desde o meu recuncho, apenas se podía ver unha porción de ceo baixo unha pomposa masa de nubes... Pensei. Claro, esquecín rezar a Zeus.

    Noutros lugares, en cambio, dinme que caían Perseidas (e desexos) a chuzos.

    Esta noite, atentos: nova oportunidade!

    Por certo. Hai científicos que afirman que este do que proceden as Perseidas, é un dos moitos cometas que poderían impactar no planeta Terra nun futuro máis ou menos próximo... "Noutro milenio", matizan tranquilizadores. Xa non estaremos, pero esa noite, seguro, o ceo tamén será un espectáculo.

    ResponderEliminar
  2. Samantha13/8/12

    Mágoa! Gustaríame habelo visto, pero a entrada leína hoxe... Outra vez será! jeje :)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...