Saltar ao contido principal

Gañarse o respecto (unha lección olímpica)

Incrible. Xogos Olímpicos de Atenas 2004, ximnasia, disciplina de barra fixa. O ruso Alexei Nemov roza coa punta dos dedos a perfección, facendo un exercicio impecable, espectacular e dunha beleza incuestionable. Os ohhhs do público con cada acrobacia falan por si sos. O atleta remata. Ovación e éxtase xeral. Saúda, e senta a esperar dos xuíces a súa puntuación. E ao pouco (minuto 1:40), esta sae na pantalla: 9,725. Fóra das medallas. A xente, marabillada polo exercicio, non o pode crer. Tongo! E de inmediato, o estadio enteiro estoupa nunha protesta ruidosa, unánime e moi insistente, que se prolonga tantos minutos que fai imposible dar paso ao seguinte atleta. Nemov, impecablemente respectuoso, observa con humildade e en silencio o que está pasando. E os xuíces, cada vez máis nerviosos, empezan a mirarse os uns aos outros sen saber como actuar... Só había un xeito de pifiala máis: cambiar a puntuación. E aos sete minutos de protestas, nun episodio lamentable, os xuíces fan caso do público e rectifican (minuto 7:05). Nova nota: 9,762. Insuficiente. Os espectadores, que entenden que teñen agarrados por onde máis doe aos membros do tribunal, véñense arriba e berran aínda con máis forza. E entón... Nemov, que se gañara ao público co seu traballo, fai algo sorprendente, honroso e admirable, co que definitivamente consegue a maior gloria á que un pode aspirar (minuto 8:08): gañarse o RESPECTO.

Clic na foto para ver!


Non creo que se poida explicar mellor o deporte (e a vida), e en concreto iso que chaman espírito olímpico. Talento, disciplina, humildade, constancia, serenidade, respecto, saber agradecer, excelencia. Eses son os ingredientes de Nemov. Non hai outro camiño para ser grande, e moito menos para ser o mellor, o exemplo a seguir. Se un deportista, se un equipo, se un adestrador, sexa o deporte que sexa, se salta algún destes eslabóns, diga o que diga, non o creades: xa non hai virtude, nin honra, nin respecto. Pérdese dignidade. Pérdese a oportunidade de alcanzar a gloria. Perdemos todos.

Non evitedes o espectáculo de velo preparándose, so e concentrado en pleno adestramento, AQUÍ.
Un vídeo á altura da perfección de Nemov como atleta, AQUÍ.

Comentarios

  1. Sandra13/4/12

    Temos as dúas caras do deporte: o esforzo, o traballo, a ilusión, a perfección. Por outra banda a inxustiza. Pero dá gusto que a xente se entregue dese xeito e mostre todo o seu apoio a alguén que o merece e dá gusto ver unha reacción tan loable coma a da Nemov co seu compañeiro e co público, en tódolos aspectos debería haber máis xente así.

    ResponderEliminar
  2. Si Sandra, aí están as dúas caras. Pero é curioso como a cara que leva á victoria (a do esforzo) é capaz de converter á cara mala (a da inxustiza) nalgo insuperable, magnífico e inesquecible. Algo que sen ese talento, traballo e humildade, nunca sería posible lograr.

    Cando Nemov morra, rodeado de trofeos, é probable que se sinta máis orgulloso e premiado con eses minutos que con todas as medallas que teña nun cuarto da súa casa. Non é para menos...

    ResponderEliminar
  3. Teño os pelos de punta. Moi lóxica a reacción do público, pero emocionante é verdadeiramene loable a do deportista ¡¡¡qué grande!!!

    ResponderEliminar
  4. Onde outro reaccionaría perdendo os papeis, Nemov pon serenidade, dominio de si mesmo, madurez, intelixencia, humildade.

    Un crac. Un líder.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Enco...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Siria, explicada polos meus alumnos (que molan)

Isto é: Historiaaa! -berraría o espartano Leónidas- . E por iso, tiñamos dúas opcións :  a) Empezar o curso pola Revolución Francesa do século XVIII e obviar as noticias da tele, os periódicos, e todos os problemas que en realidade nos rodean, simplemente porque "non tocan", ou... b) Arremangarnos e correr a enzoufarnos como está mandado na lameira do presente , para saber en que demo de mundo vivimos, e preguntarnos por que... para desde aí, agora si, emprender viaxe cara atrás. Do presente cara ao pasado. Como lle gustaría ao sabio Saramago. Chamámolo Proxecto Siria . Tras unha breve explicación e algúns vídeos curtos pero certeiros , dividimos a clase en grupos, e a investigación en 10 puntos concretos que cubriran todo o problema . O obxectivo era buscar e remexer nas fontes, comprender para poder explicar e, finalmente, transmitilo todo dun xeito orixinal, visual, creativo. E saiu algo tan bonito e potente, que había que ensinalo aos demais. Ao instituto, e ao...