Saltar ao contido principal

A fotografía que a Hitler (e a calquera manipulador) lle gustaría destruír

Vedes algo estraño nesta fotografía? Fixádevos ben:



En ambientes extremos, os xestos máis admirables e heroicos son sempre os máis simples. Un deses xestos tivo lugar un 12 de xuño de 1936, na cidade alemana de Hamburgo. Um, a ver... Dixen Alemaña? 1936? Pois logo xa xabedes cal era o ambiente extremo do momento: o do auxe do partido nazi de Hitler. Agora só nos falta saber un detalle: quen é ese que se ve no círculo, a persoa que se cruza de brazos con rostro serio, negándose a saudar o triunfo do nazismo?

No círculo, en medio dun ambiente tomado polo extremismo e a ausencia de luces, un home valente e libre.


Chamábase August Landmesser e gañaba a vida construíndo barcos nun estaleiro de Hamburgo. Por iso estaba alí. Porque aquela mañá botábase ao mar o buque de guerra no que todos eles estiveran meses traballando. Outro máis para a crecente flota que Hitler preparaba... Pero aquel día había un pequeno matiz: o führer tamén estaba alí. É máis, estaba pasando por diante deles naquel preciso momento; saudando imperial, co brazo en alto; e obtendo das masas idéntica resposta... menos do noso amigo, o do círculo.

August parecía ser o único coa lucidez necesaria para saber a onde ía levalos aquel home. E si, claro que o sabía... Hitler viña de instaurar, un ano antes, as leis raciais de Nuremberg, e estas leis convertían automaticamente a August Landamasser nun apestado. O seu delito? Casarse cunha muller alemana de ascendencia xudea (así como ter dúas fillas con ela). Aquela caricatura de home que pasaba por diante ía aniquilar a súa familia... e tamén a gran parte de Alemaña e de Europa.

Leis de Nuremberg, que establecían a pureza racial das persoas en función da súa ascendencia.


Foi o único que soubo ver o que viña e actuar en consecuencia. E non se enganaba. Porque pouco despois daquela visita, en 1938, e en aplicación daquela lei infame, August foi feito preso polo réxime nazi, acusado dun único delito: "deshonrar a raza". A condea consistiu en varios anos de traballos forzados, tras os cales foi enviado á guerra, onde desaparece en 1941. Pero o verdadeiro castigo agardaba no destino reservado á súa familia. A súa muller e as dúas fillas que tiñan tamén foron apresadas e separadas. Da súa esposa, sabemos que morreu nun campo de concentración. E das súas fillas, Ingrid e Irene, que foron levadas a orfanatos diferentes e dadas en adopción. 

Irene. Fonte: Mental Floss


E aí acabaría esta triste historia, de non ser polo que pasou en 1991, case cincuenta anos despois, cando Irene, unha das fillas de August, descubriu esta fotografía mentres lía un xornal e recoñeceu nela de inmediato ao seu pai. A fotografía consérvase no museo Topografía do Terror, en Berlín, onde eu mesmo tiven ocasión de vela exposta. 

Entón, e tamén agora, o xesto de August Landmesser é todo un exemplo de valor, razón e librepensamento fronte á tiranía dos que intentan manipularnos ao seu antoxo. August non era un revolucionario, nin un antisistema; era simplemente unha persoa libre, e así soubo permanecer a pesar do ambiente opresor, extremo e ultra que o rodeaba. Incluso ante o propio Hitler.




Os poderosos sábeno: se hai una vía para dominar aos humanos é a das emocións. É por ese motivo que aprenden a engaiolarnos con palabras, a manipularnos con ideas e afirmacións efectistas, ou a tentarnos coa súa parafernalia simbólica... igualiño que fixo o nazismo. É así como logran mover, en fin, de forma moi precisa, cada un dos fíos invisibles que prenden as nosas emocións. E é así, a golpe de manipulación das masas, como xorden os ambientes extremos. Eses nos que o sangue, subido irracionalmente á cabeza, adormece por completo a razón... Un desastre contra o que só hai unha vacina: a cultura, a lucidez, a razón, a sospeita e o pensamento crítico permanentes... Porque como deixou gravado o xenial pintor Goya: a ausencia da razón non produce nada máis que monstros. 


Comentarios

  1. Bonito, si. E iso que o descobrín ben tarde. Saúde!

    ResponderEliminar
  2. Hai historias que, cando as descobrimos por primeira vez, todos nos preguntamos por que demo ninguén nos falou antes delas. Iso si, unha vez descubertas, como as boas persoas, xa sempre viaxan con nós. Saúde!

    ResponderEliminar
  3. Rebeca8/6/18

    Cando estaba na páxina principal, despois de ler o título e ver a imaxe, o primeiro que fixen foi buscar a alguén que non seguise o patrón. Xa coñezo a trampa polas imaxes que pos na clase.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ou sexa, que o atopaches moi pronto! Ben!

      Eliminar
    2. Rebeca, segue as instrucións do comentario que publico tras este... e sobre todo, mira a ver que pasa co teu enderezo, porque debe haber algún problema: cando envío algo, devólvemo.

      Eliminar
    3. Rebeca10/6/18

      Xa sei, cando pulso a tecra de "subscríbete" non me deixa.

      Eliminar
  4. Pregúntanme como hai que facer para SUBSCRIBIRSE ao blog, así que comparto aquí a información para todos, porque o proceso require que o rematedes unha vez vos chega a mensaxe de confirmación ao voso enderezo:

    1. Estando no blog, fai clic en INFO (barra superior) e, dentro desa pestana, clic en SUBSCRÍBETE
    2. Engade o teu enderezo de correo electrónico (asegúrate de que estea ben escrito... e que funcione!)
    3. Marca "No soy un robot"
    4. Click en "Petición de suscripción finalizada"
    5. Recibirás unha mensaxe inmediatamente no teu correo
    6. Ábrea e fai clic no link para completar o proceso! Agora si, listo! Recibirás no teu correo cada nova moeda!

    E estou a piques de retomalas!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

III Concurso CineHistoria

Como cada curso, e xa van tres, en 1º de Bacharelato empregamos a Historia como unha escusa para ver cine... Ou será que usamos o cine como escusa para ver a Historia? O funcionamento é sinxelo. Entrego unha lista de películas por época histórica, concedo un prazo amplo para ver unha delas e despois realizamos un concurso de críticas onde cada un busca unha forma orixinal e breve de falar da peli que elixiu... Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o  III CONCURSO CINE HISTORIA  de 1º Bacharelato! 49 películas na lista. 41 candidatos que escribiron a súa minicrítica (8 liñas). 3 pelis de premio (as da imaxe) para as 3 mellores! A partir desta tarde podedes lelas todas, nos Comentarios  desta entrada. Este Xoves 4 , na clase e no blog:  Gañadores, Premio e Foto! Sorte a todos!