01/11/17

A fotografía que a Hitler (e a calquera manipulador) lle gustaría destruír

01/11/17

Vedes algo estraño nesta fotografía? Fixádevos ben:



En ambientes extremos, os xestos máis admirables e heroicos son sempre os máis simples. Un deses xestos tivo lugar un 12 de xuño de 1936, na cidade alemana de Hamburgo. Um, a ver... Dixen Alemaña? 1936? Pois logo xa xabedes cal era o ambiente extremo do momento: o do auxe do partido nazi de Hitler. Agora só nos falta saber un detalle: quen é ese que se ve no círculo, a persoa que se cruza de brazos con rostro serio, negándose a saudar o triunfo do nazismo?

No círculo, en medio dun ambiente tomado polo extremismo e a ausencia de luces, un home valente e libre.


Chamábase August Landmesser e gañaba a vida construíndo barcos nun estaleiro de Hamburgo. Por iso estaba alí. Porque aquela mañá botábase ao mar o buque de guerra no que todos eles estiveran meses traballando. Outro máis para a crecente flota que Hitler preparaba... Pero aquel día había un pequeno matiz: o führer tamén estaba alí. É máis, estaba pasando por diante deles naquel preciso momento; saudando imperial, co brazo en alto; e obtendo das masas idéntica resposta... menos do noso amigo, o do círculo.

August parecía ser o único coa lucidez necesaria para saber a onde ía levalos aquel home. E si, claro que o sabía... Hitler viña de instaurar, un ano antes, as leis raciais de Nuremberg, e estas leis convertían automaticamente a August Landamasser nun apestado. O seu delito? Casarse cunha muller alemana de ascendencia xudea (así como ter dúas fillas con ela). Aquela caricatura de home que pasaba por diante ía aniquilar a súa familia... e tamén a gran parte de Alemaña e de Europa.

Leis de Nuremberg, que establecían a pureza racial das persoas en función da súa ascendencia.


Foi o único que soubo ver o que viña e actuar en consecuencia. E non se enganaba. Porque pouco despois daquela visita, en 1938, e en aplicación daquela lei infame, August foi feito preso polo réxime nazi, acusado dun único delito: "deshonrar a raza". A condea consistiu en varios anos de traballos forzados, tras os cales foi enviado á guerra, onde desaparece en 1941. Pero o verdadeiro castigo agardaba no destino reservado á súa familia. A súa muller e as dúas fillas que tiñan tamén foron apresadas e separadas. Da súa esposa, sabemos que morreu nun campo de concentración. E das súas fillas, Ingrid e Irene, que foron levadas a orfanatos diferentes e dadas en adopción. 

Irene. Fonte: Mental Floss


E aí acabaría esta triste historia, de non ser polo que pasou en 1991, case cincuenta anos despois, cando Irene, unha das fillas de August, descubriu esta fotografía mentres lía un xornal e recoñeceu nela de inmediato ao seu pai. A fotografía consérvase no museo Topografía do Terror, en Berlín, onde eu mesmo tiven ocasión de vela exposta. 

Entón, e tamén agora, o xesto de August Landmesser é todo un exemplo de valor, razón e librepensamento fronte á tiranía dos que intentan manipularnos ao seu antoxo. August non era un revolucionario, nin un antisistema; era simplemente unha persoa libre, e así soubo permanecer a pesar do ambiente opresor, extremo e ultra que o rodeaba. Incluso ante o propio Hitler.




Os poderosos sábeno: se hai una vía para dominar aos humanos é a das emocións. É por ese motivo que aprenden a engaiolarnos con palabras, a manipularnos con ideas e afirmacións efectistas, ou a tentarnos coa súa parafernalia simbólica... igualiño que fixo o nazismo. É así como logran mover, en fin, de forma moi precisa, cada un dos fíos invisibles que prenden as nosas emocións. E é así, a golpe de manipulación das masas, como xorden os ambientes extremos. Eses nos que o sangue, subido irracionalmente á cabeza, adormece por completo a razón... Un desastre contra o que só hai unha vacina: a cultura, a lucidez, a razón, a sospeita e o pensamento crítico permanentes... Porque como deixou gravado o xenial pintor Goya: a ausencia da razón non produce nada máis que monstros. 


Recibe os contidos no teu correo

1 comentario

  1. Bonito, si. E iso que o descobrín ben tarde. Saúde!

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK