Vas saltar do asento coma un resorte. Prometido. Porque esta é a secuencia máis salvaxe, fermosa e real que probablemente se teña gravado na natureza. Unha carreira trepidante pola vida, na que ela é a heroica protagonista.
Unha cría de iguana emerxe da area. Asoma a cabeza, observa e decídese a saír para buscar o resgardo das rochas. Pero cando xa está preto, detense en seco. Detecta o perigo. O lugar está infestado de serpes, e xa van a por ela. A iguana, cravada no chan, parece calcular tempos, distancias, posibilidades, mentres as culebras a asedian. Cada segundo que pasa hai menos saída. E de súpeto, pum! A iguana sae disparada comezando unha tola carreira por sobrevivir, na que é imposible non levantarse do asento, non pensar Corre, iguana, corre, ou non sentirse parte desa pequena e valerosa criatura. Parte desa vida salvaxe na que ás veces esquecemos que vivimos.
Non vira unha gravación tan viva e fermosa desde a mítica El hombre y la tierra. As imaxes forman parte da serie Planet Earth II, da BBC, que tras dez anos sen emitirse volveu o pasado domingo a sentar aos británicos diante do televisor, á noite e en hora punta. Non é para menos: imaxes espectaculares, recursos do mellor cine (fixádevos nos planos e os movementos de cámara), a música do sempre impresionante compositor Hans Zimmer (El caballero oscuro) e, de premio, a hipnótica narración do incombustible David Attenborough que, con 90 anos, segue contando a vida salvaxe como ninguén.
O éxito destas imaxes está en que se busca rodar algo excelente. Pero aparte da súa sorte e impresionante calidade final, a captura deste momento representa, dalgún modo, unha metáfora da vida mesma: un mundo hostil e unha loita solitaria, a de cada un de nós, por chegar lonxe, a ese lugar ou ese instante no que a vida lle descubre a un a súa beleza. Iso é a vida: un tempo perigoso, efímero, salvaxe, de oportunidades únicas; e ao fondo, se corremos ben, o premio gordo: vivila.
Diosssss! Que tensión, paseino realmente mal, como ti ben decías sen deixar de berrarlle á iguana: coooorrre!! De esta vez librouse...
ResponderEliminarA verdade é que en apenas dous minutos lograron unha secuencia digna do mellor cine de suspense. Hai tanta tensión nesa carreira que, se o ves máis de dúas veces seguidas, case comezas a sentir maniotas nas pernas de tanto correr. :)
Eliminar