Saltar ao contido principal

Cris e Marcela, e vós (1/3 Antes)

Hai tempo que vexo a ex alumnos medrar e medrar e medrar... Vexo como progresan, como maduran, e como loitan por facerse un camiño entre a broza que nos rodea. Vexo a responsabilidade e as maneiras adultas coas que afrontan a vida, xa lonxe do paraugas da casa e o instituto. Vexo como apostan pola incomodidade, pola aventura de aprender e por espremer todo o xugo a ese finito espazo de tempo que chamamos xuventude. E gústame. Gústame que o tempo me confirme o que moitas veces percibo neles (en vós), cando estamos na clase. Pero máis aló de gustarme, sinto que ten utilidade. Sinto que os meus alumnos de agora precisan do consello, a experiencia e as orientacións dos que hai pouco estaban no mesmo sitio no que están eles. Coa súa mesma linguaxe, e co valor engadido de saber que esa persoa que lles fala coñece ben o punto no que están.

E esa é a idea: facer que se coñezan. Unha idea na que eu non son máis que bisagra, un elemento de unión entre os alumnos que tiven e os alumnos que teño. Cun único obxectivo: que estes poidan ter a oportunidade de coñecer exemplos valiosos que os orienten, os motiven e lles fagan ver que aí fóra hai mil portas por abrir. E que abrilas ou non, depende da actitude que tomen desde xa.



Cando penso en como definir a Marcela, o primeiro que se me vén á cabeza é liberdade. Liberdade da boa; para ser, pensar, falar, escoitar, coñecer, experimentar, vivir. Marcela fai o que lle peta e eso encántame, porque sabes que o que fai, o fai de verdade. Que vive. E ten algo do que moi poucas persoas poden presumir: nunca xulga a ninguén. Todos dicimos que respetamos, pero non todos podemos dicir que non xulgamos. E penso que iso foi o que acabou facendo que, como dixo ela unha vez, sexamos coma unha familia. E é iso o que a leva lonxe, e o que a leva a espremer e a absorber a vida.
"Sobre Marcela", por Cris.

Cris é respeto, é empatía, é xenerosidade, é forza, é defensa e loita, é curiosidade, é aventura; Cris son os libros de política e socioloxía no bus Vigo-Lugo, son as mensaxes con cariño en post-its pola casa; é a austeridade coa que vive, o voluntariado, a falta de mapa e a continua inquietude. Cris son os silencios cómodos, a sinceridade imposible de disimular. Cris é unha das poucas persoas que tendo os pés na terra é capaz de chegar tan alto coas mans.
"Sobre Cris", por Marcela.

Cris foi alumna miña na primeira xeración á que lle dei clase. Foi hai seis anos, e daquela ela estaba en 3º. Marcela uniuse algo máis tarde ao seu grupo. E si, eran grandes estudantes, pero sobre todo eran, xa daquela, persoas sinxelas e cunha actitude admirable. Xuntas, incluso cando están separadas, percorren da man camiños paralelos. Camiños nos que non existe a vagancia. Nos que a vida é unha aventura, porque se esforzan por buscar as oportunidades e por implicarse no que fan. Ese esforzo levounas a estudar Tradución e Interpretación en Vigo, e logo a obter becas para vivir un curso enteiro en Turquía (Cris) e Escocia (Marcela). O curso que vén, con becas diferentes, marchan estudar a Arxentina (Cris) e Canadá (Marcela). Non teño ningunha dúbida de que elas son un exemplo enorme e valioso. E con elas comezará isto. 

Oxalá o encontro de mañá, na clase, vos ilusione como a nós.
Oxalá vos empurren e guíen coma un faro, cara todo iso que soñades para vós.

Comentarios

  1. Parèceme admirable coma estas rapazas se deciden a viaxar e vivir tan novas en lugares tan lonxe das súas casas e da súa xente, porque imaxínome o difícil e duro que será, pero tamèn è certo que me imaxino que ten que ser unha experiencia inesquecible, algo co que aprendes tanto!! Oportunidades que non se deben deixar escapar e que non debemos perdelas polo medo ó descoñecido, porque hai que aproveitar ó máximo e porque estou segura de que estas experiencias, estas viaxes...son dun valor incalculable! Para elas, para a súa vida, para a súa formación, para aprender de todo, para gañar confianza en un mesmo, para desenvolverse, para tanto...Unhas valentes! E parèceme moi bonito e importante a decisión de compartilo na clase, xa me gustaría poder estar de espectadora! Desde logo aquí vos deixo o meu aplauso, xa que non podo estar mañá nesa clase para dárvolo a todos. Noraboa a elas e a ti Miguel por esta iniciativa tan chula e interesante!

    ResponderEliminar
  2. Anónimo11/6/15

    Encantoume o feito de escoitalas, saber as súas opinións, os seus consellos (a verdade que moi valiosos),a sinceridade coa que nos dicían as cousas.
    Pareceronme todas as repostas correctamente acertadas, foi un encanto falar con elas.
    Esperemos que volvan pronto.
    Moi boa idea!!!

    ResponderEliminar
  3. Anónimo11/6/15

    Grazas a suas declaracións xa sei a frase máxica para saber escoller e é:
    Unha decisión nunca é un erro, pode non che terminarse de gustar, poida que non volveses a escoller esa opción, pero siemplemente é o que sentías que che gustaba nese momento, é por iso nunca será un erro

    ResponderEliminar
  4. Solo quero decir que sinto unha grande admiración por estas dúas rapazas. Son moi valentes e moi decididas. Debeu ser moi interesante escoitalas. Moi acertada esta iniciativa Miguel.

    ResponderEliminar
  5. A verdade é que foi unha experiencia única, e non é en absoluto unha maneira de falar. Cando tocaba o timbre ninguén quería irse; no recreo, unha clase pediu irnos a unha aula para poder seguir falando con calma con elas; ao marchar, escoitei comentarios como "acertaches de pleno, profe", "que majas son", "tiñamos que facer isto máis veces", "podían volver outro día"... Pero en fin, os comentarios son tantos, e as ganas de seguir compartindo tan grandes polas dúas partes (tres, comigo), que non podería deixar isto así. Porque, está claro, Cris, Marcela e Vós, merecedes unha nova entrada propia. E agora que pasou xa unha semana do noso encontro, é o momento de escribila. Espero poder recoller tanto entusiasmo e ilusión como deixastes no instituto. Abrazos e grazas infinitas a todos por aproveitalo tan ben!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...