29/05/15

Ping pong humano

29/05/15

Fixádevos nesta impresionante imaxe de Massimo Sestini, elixida segunda mellor fotografía no World Press Photo de 2015. Abrídea e atrevédevos a facer zoom. Reparade nos xestos, nas caras, nas emocións... Buscade os nenos. Subídevos por uns segundos a ese bote. Así, como ides agora, co posto. Sen máis equipaxe que as ganas de fuxir de onde a vida non vale nada, co único afán de poder traballarse un futuro onte che deixen.



Sestini conxelou este instante preto da costa de Libia, cando unha fragata da mariña italiana, en plena operación de vixilancia, acudía ao rescate da embarcación. Foi hai xa case un ano. A operación chamábase Mare Nostrum, e con ela Italia propúxose evitar, ela soíña, que o Mediterráneo se convertera nun xigantesco cemiterio de inmigrantes e refuxiados desesperados por pisar Europa. E conseguiuno. Durante o 2014 lograron rescatar máis de 170.000 vidas. Ata que de súpeto, plof! Os cartos acabáronse e Italia negouse a seguir abordando soa un problema que é de todos. Desde entón a Unión Europea, experta en mirar para outro lado, non fai máis que poñer tiritas mentres o drama prosegue, para vergoña desta humanidade incapaz de coidar dela mesma.

Vía


Non é un problema europeo senón global. Aparte da pobreza e as brutais desigualdades, tan de manifesto nos puntos fronteirizos, non había un número tal de refuxiados desde a Segunda Guerra Mundial. Entón... Que facemos? Que debemos esperar dos gobernos? Que actitude queremos ter fronte a isto? Debemos velo como un obstáculo? Ou máis ben como un reto para mellorar como somos? Para o Goberno de España, por exemplo, ter que acoller 1.600 refuxiados é "demasiado".

Vía


O último capítulo está sucedendo no océano Índico, onde centos de refuxiados procedentes de Birmania permanecen á deriva, navegando dunha costa a outra en barcos atestados coma latas de sardiñas, sen que ningún país veciño (Tailandia, Malasia, Indonesia) os autorice a entrar nas súas augas, e moito menos a desembarcar. Case mil persoas (bebés, nenos, mulleres embarazadas) asustadas e desesperadas, levan semanas navegando así, en condicións infrahumanas, con mortos a bordo, sen alimentos nin roupa suficiente e mesmo bebendo o seu propio ouriño. Mentres, os gobernos do mundo, máis preocupados do diñeiro que das persoas, conténtanse con tratar aos refuxiados coma se foran unha maldita pelota de ping-pong.


Para os telediarios, hoxe, isto será outro naufraxio dunha patera.
Pero é mentira; a realidade é que isto é o naufraxio da humanidade.

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Vaya catástrofe, los refugiados no merecen esto, ¡Europa debe actuar ya!

    ResponderEliminar
  2. Ola Noé!

    Tes moita razón. É moi decepcionante ver a tibia resposta que Europa está tendo para un problemón que vén de atrás e que pide a berros accións conxuntas e coordinadas para solucionar o problema alí onde ten a súa orixe: en Siria. É curioso como a Unión Europea, que presume de ter eliminado as fronteiras, volve agora a restauralas a toda présa para evitar que os refuxiados circulen libremente ata un lugar no que poder traballar e vivir en paz. Aprendemos pouco da Historia... e así nos vai.

    Moitas grazas polo teu comentario! É o primeiro do curso, e fíxome unha ilusión moi especial!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. é todo unha mafia profe... Por moitos paus ninguén aprende...

      Eliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK