Tras a clase un alumno achegouse para preguntarme se vira "The Cove". E por recomendación súa (grazas Isaac!), acabo de vela. Con arcadas, pero tamén agradecido porque alguén se empeñase ata xogarse a vida en que o mundo coñeza a brutal aberración que nunha cidade de Xapón se está cometendo cos delfíns. Con miles de delfíns, todos os anos, un tras outro. Delfíns, nada menos. E vós tamén podedes velo, porque está en Youtube, afortunadamente.
Vinte e tres mil golfiños (23.000!) morren todos os anos en Taijin, Xapón. Unha vila na que estes animais aparecen por todas partes en forma de souvenir, coma nun parque temático, coma se toda a poboación vivise alí orgullosa e comprometida co coidado destes animais. Iso parece. Pero cando unha cámara entra na vila, de súpeto todo cambia. Aparecen as prohibicións, os berros, as miradas que matan, as ameazas, e os sitios aos que non se pode pasar. Tras aquela infantilización do golfiño hai algo aberrante, algo que loitan por manter agochado. Porque en Taijin, cada ano, os pescadores saen a interceptar as mandas de delfíns nun punto de paso natural. Con axuda de barcos, condúcenos a miles ata unha pequena cala (a cova á que alude o título) na que os deixan completamente pechados.
Fotos: Reuters - Adrian Mylne |
Nos días seguintes tratan de vender a parques acuáticos de todo o mundo as femias máis novas, na crenza de que son os mellores exemplares para facer espectáculos acuáticos. E feita esta primeira selección, comezan a masacrar ao resto, uns 23.000 golfiños, convertendo unha manda de animais excepcionalmente fermosos, bos e intelixentes, nun cruel, noxento e despiadado baño de sangue. Para que? Para tratar de colocar despois a súa carne no mercado (a pesar do perigo que isto supón polos altísimos índices de mercurio), incluso tratando de colala coma se fose outra especie. Ou sexa, por uns cantos billetes enchoupados en sangue inocente.
Os autores de The Cove propuxéronse encher os arredores de cámaras e micros ocultos e filmalo todo en segredo, na convicción de que gravar e difundir o que alí sucede cada ano é a única esperanza que queda para globalizar o problema e rematar con esta masacre. Lograron dalo a coñecer... pero non máis de momento. Se non podemos parar algo tan sinxelo coma esto, que clase de problemas imos ser quen de resolver?
Foto: EFE/Sea Shephered |
Sinto esta imaxe, pero é que ás veces as palabras non abondan para darse conta das dimensións dun problema.
Imaxe: Youtube, Keshav Saini |
E sabedes que? Que segue pasando. Todos os anos. E tamén pasará neste flamante 2015 que estamos encetando. Porque pese a todos os premios recibidos no 2009 (incluído o Oscar a Mellor Película Documental), pese a toda a repercusión, pese a que cada vez somos máis os que coñecemos, cada ano segue a repetirse esta masacre de delfíns. Co beneplácito do Goberno de Xapón, da Unión Europea, da ONU e de todos, tanto gobernantes como gobernados. De aí o inmenso mérito dos autores de The Cove. Polo menos, eles si se mollaron. Eles si arriscaron. Eles si loitaron por unha causa digna.
Aínda que só fose por honralos, ningún de nós deberiamos quedarnos na Cova. Teriamos que dar un paso adiante, ir máis aló, facer algo, por pequeno que sexa, por visibilizar o problema e axudar a meterlle man. Aínda que só sexa sumar unha sinatura. Porque aínda que ás veces parezan imposibles, os obxectivos lógranse camiñando cara eles.
Quedan 56 días...
ResponderEliminarhttp://www.takepart.com/cove
Repugnante.
ResponderEliminarCelebramos o Ano do Delfín, nombrámolos "persoas non humanas", emociónanos que teñan comportamentos altruistas...PERO SEGUÍMOLOS MASAGRANDO SEN COMPASIÓN. Así nos vai...
http://elpais.com/.../01/02/opinion/1420212986_167832.html
"En un programa de radio sobre la inmigración, enlutado por la estela trágica de los naufragios, de repente saltó un relato que puso en vilo las ondas. Una historia real. Los supervivientes de una patera con rumbo perdido contaron que una bandada de delfines rodeó la embarcación y los condujo salvos hasta el barco de Cruz Roja. Humanos rescatados por personas no humanas".
EliminarHORRIBLE. Por qué?!! Por qué suceden estas barbaridades? Por qué o permiten? Qué noxo! Eu xa firmei a petición, ogallá se consiga deter esta atrocidade! Ogallá pudiera facer algo máis para axudar. Non pueden nin quero ver o documental, xa me bastou coa entrada para ter ganas de vomitar, pero sei que o fixeron para dar a coñecer un problema que se ten que solucionar xa! E grazas a esta entrada aportei o meu pequeno grao de area firmando a petición para axudar os delfíns que non sabía desta posibilidade. GRAZAS Miguel. Ogallá entre todos o consigamos!
ResponderEliminar