Os telediarios non o din, pero o holocausto nazi non foi só contra os xudeos. Máis de nove mil españois foron enviados a campos de concentración, e a maioría en concreto ao de Mauthausen, en Austria. Hoxe, 70 anos despois da liberación do campo de concentración de Auschwitz e día da memoria do holocausto nazi, é o momento de lembrar que isto tamén nos tocou de preto, e que unha parte importante da nosa historia recente, lamentablemente, tamén pasou por alí. E para mostra, unha foto e unha historia:
Presos do campo de concentración de Mauthausen o día da súa liberación por tropas de EE.UU. |
Coa guerra civil perdida, miles de republicanos españois lograron pasar a Francia. Pero a intención non era só salvar a vida, senón tamén seguir loitando contra os fascismos en Europa. Por iso, moitos deles, que o deixaran todo atrás, saíron dunha guerra para meterse noutra, uníndose aos franceses para loitar contra os nazis. Pero ao caer Francia en mans de Hitler ás primeiras de cambio, moitos son capturados polas tropas alemanas e enviados a Mauthausen. Previamente, os nazis contactaron co goberno de Franco para saber que debían facer con eles, pero este desentendeuse por completo, alegando que non existían máis españois que os que quedaran en España. O ditador enviounos así ao matadoiro.
Os españois foron obrigados a portar unha insignia propia: era un triángulo azul co vértice cara abaixo (logo que poñían aos apátridas) pero cunha S (de España) no centro. Durante os longos anos que botaron alí, moitos presos deixaron a vida na terrible escaleira de pedra que subía desde o campo ata a canteira: 186 chanzos a subir con pedras de ata sesenta quilos sobre o corpo. Se tropezabas, se caías, se non o soportabas, estabas morto. Ese foi o brutal día a día, durante varios anos, para os dous mil españois que lograron sobrevivir a Mauthausen.
Contan os supervivintes franceses que os españois eran os máis motivados dentro do campo. Estaban seguros de que os nazis perderían a guerra, de que un día alguén viría a liberalos, e incluso lembran que cando chegaban ao alto da escaleira de pedra que levaba á canteira, pese ao abatimento, algúns dicían polo baixo: outra pequena vitoria contra os nazis. Sen dúbida, os tres anos de guerra civil curtíranos para un destino que xamais serían quen de imaxinar.
Vía |
O preso español Franscisco Boix, coa súa cámara en Mauthausen |
Sen embargo, aínda que os fascismos caeron derrotados en Europa, a ditadura de Franco permaneceu impasible en España ata 1975. Nin Francisco nin o resto de españois supervivintes puideron volver á súa patria. Quedaron nos países que os acolleron, especialmente Francia, completamente ignorados e esquecidos polo seu país de orixe. Aquel que levaron sempre con orgullo na súa loita incansable (e despiadada) pola liberdade.
Portada do libro que hoxe mesmo se presenta en España |
Aos españois de Mauthausen. In memoriam.
Aí estiven eu fai nada!! Hahaha
ResponderEliminar"El horror, el horror" dixo Kurtz.
ResponderEliminarHai sitios que marcan, e supoño que este Michael, foi un deles. Se buscades, hai unha chea de testemuños que narran o atroz que era a vida en Mauthausen: "Los españoles, como sus compañeros de cautiverio de cincuenta y tantas nacionalidades, murieron de mil maneras, a cual más inhumana: como el vasco Tellechea, despedazado por los perros lobo, o como los catalanes Miret Musté y Juncosa Escoda, abatidos por una ráfaga de metralleta cuando yacían en el suelo, heridos en un bombardeo aéreo; o muertos a golpes y a patadas por los SS, como el manchego Enrique Rodríguez y el aragonés Pedro Fernández, o en el camión fantasma, asfixiados por el gas carbónico del tubo de escape conectado con la caja del vehículo, como el comandante del aeródromo de Barcelona, Busquets, y Emilio Andrés, comisario del Cuerpo de Ejército, y el coronel León
ResponderEliminarVía http://www.javierortiz.net/ant/otrasvoces/mauthausen.htm