Saltar ao contido principal

Holocausto español en Mauthausen

Os telediarios non o din, pero o holocausto nazi non foi só contra os xudeos. Máis de nove mil españois foron enviados a campos de concentración, e a maioría en concreto ao de Mauthausen, en Austria. Hoxe, 70 anos despois da liberación do campo de concentración de Auschwitz e día da memoria do holocausto nazi, é o momento de lembrar que isto tamén nos tocou de preto, e que unha parte importante da nosa historia recente, lamentablemente, tamén pasou por alí. E para mostra, unha foto e unha historia:


Presos do campo de concentración de Mauthausen o día da súa liberación por tropas de EE.UU.

Coa guerra civil perdida, miles de republicanos españois lograron pasar a Francia. Pero a intención non era só salvar a vida, senón tamén seguir loitando contra os fascismos en Europa. Por iso, moitos deles, que o deixaran todo atrás, saíron dunha guerra para meterse noutra, uníndose aos franceses para loitar contra os nazis. Pero ao caer Francia en mans de Hitler ás primeiras de cambio, moitos son capturados polas tropas alemanas e enviados a Mauthausen. Previamente, os nazis contactaron co goberno de Franco para saber que debían facer con eles, pero este desentendeuse por completo, alegando que non existían máis españois que os que quedaran en España. O ditador enviounos así ao matadoiro.





Os españois foron obrigados a portar unha insignia propia: era un triángulo azul co vértice cara abaixo (logo que poñían aos apátridas) pero cunha S (de España) no centro. Durante os longos anos que botaron alí, moitos presos deixaron a vida na terrible escaleira de pedra que subía desde o campo ata a canteira: 186 chanzos a subir con pedras de ata sesenta quilos sobre o corpo. Se tropezabas, se caías, se non o soportabas, estabas morto. Ese foi o brutal día a día, durante varios anos, para os dous mil españois que lograron sobrevivir a Mauthausen.



Contan os supervivintes franceses que os españois eran os máis motivados dentro do campo. Estaban seguros de que os nazis perderían a guerra, de que un día alguén viría a liberalos, e incluso lembran que cando chegaban ao alto da escaleira de pedra que levaba á canteira, pese ao abatimento, algúns dicían polo baixo: outra pequena vitoria contra os nazis. Sen dúbida, os tres anos de guerra civil curtíranos para un destino que xamais serían quen de imaxinar.

Vía
Convertidos nos máis veteranos, os españois propuxéronse formar unha organización clandestina dentro do campo. Roubaban medicamentos da enfermería, redistribuían os poucos alimentos que podían xuntar para dalos aos máis débiles, recibían aos novos presos para ensinarlles tácticas de supervivencia...  A intención era axudarse entre eles en todo momento, e a ser posible reunir probas do que estaba pasando. Precisamente un deles, Francisco Boix, que traballaba dentro do campo como fotógrafo, tivo a idea de gardar unha copia en negativo de cada foto que facía por se puidera servir no futuro; entusiasmados, os seus compañeiros acordaron apoialo e buscar un escondite seguro para gardar os negativos. Bastaba con que un só deles sobrevivise e aportase algunha daquelas fotos para demostrar ao mundo enteiro o que estaba pasando.

O preso español Franscisco Boix, coa súa cámara en Mauthausen
Cando en 1945 o exército de EEUU entrou no campo, cos nazis xa fugados, as bandeiras republicanas substituiran ás alemanas, e sobre a porta principal, colgaba a enorme pancarta da fotografía que encabeza esta entrada. Anos máis tarde, o testemuño de Francisco Boix e as fotos que aportou, foron presisamente as probas que permitiron incriminar aos responsables de Mauthausen nos famosos xuízos de Nuremberg.

Sen embargo, aínda que os fascismos caeron derrotados en Europa, a ditadura de Franco permaneceu impasible en España ata 1975. Nin Francisco nin o resto de españois supervivintes puideron volver á súa patria. Quedaron nos países que os acolleron, especialmente Francia, completamente ignorados e esquecidos polo seu país de orixe. Aquel que levaron sempre con orgullo na súa loita incansable (e despiadada) pola liberdade.

Portada do libro que hoxe mesmo se presenta en España

Aos españois de Mauthausen. In memoriam.

Comentarios

  1. Michael Lorigados3/2/15

    Aí estiven eu fai nada!! Hahaha

    ResponderEliminar
  2. Vitoria3/2/15

    "El horror, el horror" dixo Kurtz.

    ResponderEliminar
  3. Hai sitios que marcan, e supoño que este Michael, foi un deles. Se buscades, hai unha chea de testemuños que narran o atroz que era a vida en Mauthausen: "Los españoles, como sus compañeros de cautiverio de cincuenta y tantas nacionalidades, murieron de mil maneras, a cual más inhumana: como el vasco Tellechea, despedazado por los perros lobo, o como los catalanes Miret Musté y Juncosa Escoda, abatidos por una ráfaga de metralleta cuando yacían en el suelo, heridos en un bombardeo aéreo; o muertos a golpes y a patadas por los SS, como el manchego Enrique Rodríguez y el aragonés Pedro Fernández, o en el camión fantasma, asfixiados por el gas carbónico del tubo de escape conectado con la caja del vehículo, como el comandante del aeródromo de Barcelona, Busquets, y Emilio Andrés, comisario del Cuerpo de Ejército, y el coronel León
    Vía http://www.javierortiz.net/ant/otrasvoces/mauthausen.htm

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...