Saltar ao contido principal

Aos meus curiosos de Amsterdam

Acabo de vela publicada nunha rede social, baixo o retranqueiro título "Un mundo feliz". E enténdoo ben porque, de tan estúpida, esta imaxe doe. Ata os protagonistas do lenzo parecen estar a punto de correr a sopapos a esas pobres criaturas. E non me estraña!


Pero, con permiso da garda de Rembrandt, teño que dicir algo. Hai apenas uns meses estiven nese mesmo lugar acompañado duns 30 alumnos. Desde o primeiro momento en que o viron, a Ronda de Noite foi coma un faro amigo para un fato de vagalumes. Achegábanse con coidado, a cabeza lixeiramente ladeada, e os ollos ben abertos, impresionados polas dimensións e o potente xogo de luces e sombras. Botaron dez minutos mirando para el embobados, sen sacar nin un só teléfono, preguntando polos porqués e os detalles máis curiosos que vían nel. Nun momento, saínme un pouco do arco que formábamos en torno ao lenzo para poder ver as súas caras mellor. E prometo que sorrían e brillábanlles os ollos. Se puidese velos, pensei, o vello Rembrandt sentiríase ben orgulloso deles. Coma min. Por lograr que isto parecese de verdade, durante uns minutos, Un mundo feliz.

Longa vida aos que dan luz ao mundo 
sen outra batería que a da curiosidade por sentir e aprender

Comentarios

  1. Vitoria3/12/14

    Primeiro pensei que o desexo dos dadaístas de acabar cos museos burgueses estábase cumplindo ao fin: "Queremos que o noso país se libere da infinidade de museos que cobren o seu chan como outros tantos cemiterios. Museos, cemiterios! Son o mesmo! Imos! Prendamos lume aos andeis de libros! Desviemos o curso das augas para inundar os museos...."
    Vendámoslle á xente unha máquiniña e fagámoslle crer que é o mundo o que ten nas súas mans!
    Despois de lerte pensei que igual quizá aínda quede esperanza!

    ResponderEliminar
  2. Hai quen di que xa o dixo Einstein: "Temo o día no que a tecnoloxía sobrepase a nosa humanidade. O mundo terá só unha xeración de idiotas".

    Estamos moi preto. Pero sempre quedan catro xustos polos que merece a pena seguir loitando. Oxalá todos quixésemos (e lográsemos) ser un deles.

    ResponderEliminar
  3. Alguanas veces no pasamos y no apreciamos lo que tenemos que apreciar. Algunos se arrepentirán

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso cando dean deixado o teléfono, David... ou o teléfono os deixe a eles. Ou quizais cando de súpeto nos recoñezamos nunha imaxe coma esta, e entendamos dunha vez que a vida é iso que pasa (sen enterarnos) mentres vemos a pantalla dun móbil.

      Eliminar
  4. Anónimo18/12/14

    Levo vendo esa imaxe en moitas redes e ninguén denfende ós pobres cativos, así que vouno facer eu, eu vouno facer aquí, xa que vin de pasada e o vin. Non creo que o mundo esté perdido, simplemente creo que eses rapaces estan a facer algún traballo de clase. ¿Razóns? 1. Estan sentados por parellas. 2. Algúns levan follas nas más. 3. Dan aspecto de ter a mesma idade. 4 Moitos museos desenrrolaron aplicacións web que poden servir de guía, audioguía ou signoguía no entorno do museo, un deles, por exemplo, o reaberto Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid. ¿Qué pasaría se como mestra, levara un grupo de nenos ó Arqueolóxico e aprobeitando o seus móviles e a aplicación lles mandase cubrir un cuestionario? Pois pasaría o que vemos na imaxe, ou peor, por que terian que sentar no chan (o Arqueoloxico Nacional non ten bancos, nin cadeiras ... pero iso é outro tema).

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Ladycaverna. Foi o primeiro que pensei e tamén o primeiro que pensaron algúns dos meus estudantes cando comezamos a debater en torno á fotografía. Pareceunos que probablemente xa adicaron un tempo a ver a obra de Rembrandt e que se atopaban descansando. Ou que incluso, tal e como ti explicas, estean facendo unha actividade didáctica. Co cal, tales rapaces estarían facendo algo moi diferente do que a foto inspira. En todo caso, penso que a imaxe, aínda sendo unha manipulación, é veraz na súa mensaxe. Dígoo, porque é facil ver esa adicción ao móbil na nosa sociedade; e non nos museos senón no instituto, na rúa, na vida en xeral. Nos pequenos (os móbiles están xa plenamente estendidos en alumnado de 12 anos) e nos grandes tamén, por suposto. Ese é o valor da imaxe, que nos retrata. Tamén a eles. Cada cambio de clase é momento oportuno para sacar o móbil e ver se a luceciña parpadexa. Ás veces, o que se atreve, tamén o intenta desde a clase, revelando unha dependencia que asusta. Nos recreos é cada vez máis frecuente ver grupos de rapaces xuntos que pasan todo o tempo mirando cada un para a pantalla do seu respectivo teléfono. Etcétera.

      O problema non está nos museos (nin moito menos), nin na falta de sensibilidade artística (eu mesmo, no texto que acompaña a foto, fago un alegato en favor dos rapaces, a partir dunha experiencia vivida con eles nese mesmo lugar), nin neses rapaces concretos da foto. O problema é a entrega incondicional e desemedida (en xeral) das nosas vidas a estes aparellos. O seu uso abusivo, que é fácil ver todos os días en moitos contextos. Nese sentido, a imaxe, aínda sendo seguramente produto dunha manipulación para transmitir algo que non era, retrátanos ben. E sobre todo, o máis importante, obríganos a facernos preguntas.

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...