Como non as ía haber? O único que facía falta era saír a buscalas. E en canto se fixo, apareceron. Están en Cova Eiros (Triacastela, Lugo), e son as primeiras mostras de arte rupestre paleolítica que se atopan en Galicia. Agora, case 30.000 anos despois, as pinturas e gravados de Cova Eirós saen a luz!
A maioría están nunha gran sala dentro da cova, formando un panel no que se distinguen contornos de animais, ringleiras de puntos e outras marcas. Un panel no que predominan os trazos en cor negra, conseguidos co emprego de carbón vexetal como pigmento. E no que a peor noticia é un estado de conservación moi delicado, que aconsella máxima e pronta protección.
Cova Eirós non era unha descoñecida. Durante os anos noventa, algunhas campañas de escavacións arqueolóxicas serviran xa para atopar unha gran cantidade de restos óseos procedentes de mamíferos como rinocerontes, hienas, cabalos, cervos ou osos cavernarios. Anos despois, ao comezar a escavación dun recheo duns tres metros de fondo, os arqueólogos pasaron a localizar diversos útiles paleolíticos: unha agulla de óso, unha lanza gravada con liñas en forma de zigzag ou mesmo un colgante feito a partir dun dente de raposo (hai 26.000 anos!). Pero a ocupación desta cova por parte de Sapiens e Neandertais remóntanse moi atrás. En concreto aos restos dunha fogueira acendida alí hai 118.000 anos. E sabedes o mellor? Que aínda queda a metade dese recheo por escavar!
Imaxinades como é traballar nun lugar así, ou visitar unha ventana ao pasado coma esta? Pois non tedes que imaxinalo! Porque acábase de estrear o teaser do documental rodado durante tres campañas de escavación no lugar. Son as primeiras imaxes desa mirada que os nosos antepasados se empeñaron en deixarnos, rabuñada a conciencia nas entrañas da terra.
Benvidos a Cova Eirós!
Clic para ver!
E ISTO, este descubrimento... tan cerca!
ResponderEliminarQue gustazo velo! E que gustazo "estar dentro"!
E tanto!
EliminarA pesar da mina que ameaza a conservación da única cova con pinturas rupestres paleolíticas en Galicia!
Ver para crer!
http://praza.gal/movementos-sociais/396/unha-mina-pon-en-perigo-a-cova-eiros-un-dos-maiores-xacementos-arqueoloxicos-de-galicia/
http://www.elmundo.es/ciencia/2014/08/15/53eca96f22601d946a8b4583.html