Saltar ao contido principal

O primeiro día de clase: Carpe Diem

O primeiro día de clase sempre é un día sinalado. Pola novidade, e porque é un fiel adianto do que vén. Cando somos alumnos, este primeiro contacto permite facerse unha idea de como é o profesor, de como van ser as clases, de que tipo de relación vai haber entre ambos, de como quere transmitir, ensinar ou compartir o que sabe. A un estudante experto coma vós chéganlle os cinco primeiros minutos desa clase para escanear con precisión científica á persoa que ten diante, catalogala coas súas virtudes e defectos e clasificala inmediatamente no caixón que lle toque, baixo algunha destas etiquetas: "Buahh", "Puffff" ou, cun pouco de sorte, "Interesante: imos darlle unha oportunidade". 

Escena da fermosa película "El Club de los Poetas Muertos"
Agora que ese día aínda está fresco, creo que vos vai gustar coñecer (ou ver de novo) o que sen dúbida é o mellor primeiro día de clase da Historia Mundial das clases. Dá igual que saíse nunha peli. Dá igual que fose ficción. Non importa que non esteamos aí. O único que importa é que todos os estudantes do mundo quererían ter un profesor así; e que todos os profesores do mundo quixéramos ser tan creativos, didácticos, cercanos e respetables como o Profesor Keating. Ou deberíamos. Un profe que, coa escusa de ensinar literatura, ensina en realidade a mirar e a vivir. A secuencia forma parte de El Club de los Poetas Muertos, unha peli que se non visteis... xa estades tardando!

No seu primeiro día nun ríxido centro, Keating non entra na aula. Asoma o nariz e pide aos rapaces que saian un momento. El espera fóra, diante dun armario de cristal cheo de antigas fotos e trofeos do instituto, observando cómo se colocan fronte a el, entre expectantes e temerorosos. E sen mediar saúdo algún, preséntase cun verso que xa nunca poderán olvidar, para a continuación regalarlles,  como digo, o mellor primeiro día de clase da Historia Mundial das clases.

Clic para velo!



Caaaaarpe... Caaaaarpe... Caaaaarpe Dieeeeem! 
Aprovechad el momento, chicos. Haced que vuestra vida sea extraordinaria!

Comentarios

  1. Había tempo que quería pasar (con calma) por aquí, deixar un comentario nunha entrada que fai homenaxe a unha das miñas películas favoritas. E tocou hoxe, co comezo de unha fin de semana na que só adicarme aos blogs, aos libros e a máis películas.

    Vou un mes tarde, e supoño que a estas alturas xa houbo tempo pra comprobar se esas primeiras impresións profesor-alumnos (e viceversa) eran acertadas ou non, pero igualmente, precisaba escribir aquí.

    Creo, como ti, que todos os que algunha vez vimos esta película desexamos, nalgún momento, ter tido un profesor como Keating. Alguén que, ademáis de prepararnos para un exame, para unha carreira ou para unha profesión, nos preparase para a vida. E creo tamén que calquera profesor querería poñerse nesa pel. Ao final, se se fai ben, a de profesor é unha das profesións máis fermosas que hai.
    Por iso, cada vez que entro a "Caronte", penso en que pouca xente explica tan ben calquera cousa e conta tan ben calquera historia como ti. Pouca xente lle pon tanta paixón a isto de compartir coñecementos, vida e Historia. Pouca xente fala con tanto estusiasmo das súas clases, dos seus alumnos e das ideas que vai tendo para eles. Estou case segura de que, se non o eres xa, te estás convertendo en un deses profesores que admiras. Un profesor Abraira-Keating.

    E para iso, para ter esa seguridade no que digo, non fai falta nin ser alumno teu. Chega con "lerte", escoitarte ou coñecerte.
    Faste querer.
    Ábresnos os ollos.
    Ensínasnos unha fermosa maneira de vivir.
    :)

    Oxalá os novos alumnos, e todos os que veñan, "te" aproveiten para todo iso.

    Carpe Diem para o primeiro día de clase.
    E Carpe Diem para o primeiro día de case todo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, P.! Que Keating te oia! Alá onde estea ("criando malvas", como el mesmo dicía ao ver aos rapaces das fotos en branco e negro, ou navegando co barqueiro cara augas máis tranquilas), el foi quen nos ensinou a moitos que valores debe esforzarse por ter un profesor. Con ter cuarta parte dun mestre humano e intelixente coma el, calquera estudante do mundo sería feliz. Se hai que remar cara algún lado, que sexa cara aí! Carpe!

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...