Saltar ao contido principal

O primeiro día de clase: Carpe Diem

O primeiro día de clase sempre é un día sinalado. Pola novidade, e porque é un fiel adianto do que vén. Cando somos alumnos, este primeiro contacto permite facerse unha idea de como é o profesor, de como van ser as clases, de que tipo de relación vai haber entre ambos, de como quere transmitir, ensinar ou compartir o que sabe. A un estudante experto coma vós chéganlle os cinco primeiros minutos desa clase para escanear con precisión científica á persoa que ten diante, catalogala coas súas virtudes e defectos e clasificala inmediatamente no caixón que lle toque, baixo algunha destas etiquetas: "Buahh", "Puffff" ou, cun pouco de sorte, "Interesante: imos darlle unha oportunidade". 

Escena da fermosa película "El Club de los Poetas Muertos"
Agora que ese día aínda está fresco, creo que vos vai gustar coñecer (ou ver de novo) o que sen dúbida é o mellor primeiro día de clase da Historia Mundial das clases. Dá igual que saíse nunha peli. Dá igual que fose ficción. Non importa que non esteamos aí. O único que importa é que todos os estudantes do mundo quererían ter un profesor así; e que todos os profesores do mundo quixéramos ser tan creativos, didácticos, cercanos e respetables como o Profesor Keating. Ou deberíamos. Un profe que, coa escusa de ensinar literatura, ensina en realidade a mirar e a vivir. A secuencia forma parte de El Club de los Poetas Muertos, unha peli que se non visteis... xa estades tardando!

No seu primeiro día nun ríxido centro, Keating non entra na aula. Asoma o nariz e pide aos rapaces que saian un momento. El espera fóra, diante dun armario de cristal cheo de antigas fotos e trofeos do instituto, observando cómo se colocan fronte a el, entre expectantes e temerorosos. E sen mediar saúdo algún, preséntase cun verso que xa nunca poderán olvidar, para a continuación regalarlles,  como digo, o mellor primeiro día de clase da Historia Mundial das clases.

Clic para velo!



Caaaaarpe... Caaaaarpe... Caaaaarpe Dieeeeem! 
Aprovechad el momento, chicos. Haced que vuestra vida sea extraordinaria!

Comentarios

  1. Había tempo que quería pasar (con calma) por aquí, deixar un comentario nunha entrada que fai homenaxe a unha das miñas películas favoritas. E tocou hoxe, co comezo de unha fin de semana na que só adicarme aos blogs, aos libros e a máis películas.

    Vou un mes tarde, e supoño que a estas alturas xa houbo tempo pra comprobar se esas primeiras impresións profesor-alumnos (e viceversa) eran acertadas ou non, pero igualmente, precisaba escribir aquí.

    Creo, como ti, que todos os que algunha vez vimos esta película desexamos, nalgún momento, ter tido un profesor como Keating. Alguén que, ademáis de prepararnos para un exame, para unha carreira ou para unha profesión, nos preparase para a vida. E creo tamén que calquera profesor querería poñerse nesa pel. Ao final, se se fai ben, a de profesor é unha das profesións máis fermosas que hai.
    Por iso, cada vez que entro a "Caronte", penso en que pouca xente explica tan ben calquera cousa e conta tan ben calquera historia como ti. Pouca xente lle pon tanta paixón a isto de compartir coñecementos, vida e Historia. Pouca xente fala con tanto estusiasmo das súas clases, dos seus alumnos e das ideas que vai tendo para eles. Estou case segura de que, se non o eres xa, te estás convertendo en un deses profesores que admiras. Un profesor Abraira-Keating.

    E para iso, para ter esa seguridade no que digo, non fai falta nin ser alumno teu. Chega con "lerte", escoitarte ou coñecerte.
    Faste querer.
    Ábresnos os ollos.
    Ensínasnos unha fermosa maneira de vivir.
    :)

    Oxalá os novos alumnos, e todos os que veñan, "te" aproveiten para todo iso.

    Carpe Diem para o primeiro día de clase.
    E Carpe Diem para o primeiro día de case todo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas, P.! Que Keating te oia! Alá onde estea ("criando malvas", como el mesmo dicía ao ver aos rapaces das fotos en branco e negro, ou navegando co barqueiro cara augas máis tranquilas), el foi quen nos ensinou a moitos que valores debe esforzarse por ter un profesor. Con ter cuarta parte dun mestre humano e intelixente coma el, calquera estudante do mundo sería feliz. Se hai que remar cara algún lado, que sexa cara aí! Carpe!

      Eliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Encoro d