Sabes o que é un Pomodoro?
Vía |
Pomodoro é tomate en italiano. Pero (e aquí vén o que nos interesa) para Francesco Cirillo, un estudante universitario daquel país, era tamén un pequeno reloxo que había na cociña da súa casa para cronometrar os tempos de cocción. Que necesitabas meter algo no forno 25 minutos? Pois xirabas o tomate ata poñer a frecha no 25 e este avisábate cunha alarma ao consumirse ese tempo.
Ata que un día Francesco levou aquel tomate para a súa mesa de estudo e inventou con el un dos métodos máis seguidos do mundo para espremer a tope o tempo de traballo. A idea é moi sinxela. Consiste en traballar 25 minutos seguidos, con concentración absoluta na tarefa que elixamos e eliminando todas as interrupcións que habitualmente nos distraen do que debemos facer.
Cun Clic, vemos como se fai!
Podes usar un temporizador como o da imaxe (hainos á venda) ou un reloxo que teña cronómetro de conta atrás. Pero tamén hai unha chea de apps con esta utilidade para descargar ao teu móbil. E se traballas diante dun ordenador existen páxinas como Tomatoes, nas que incluso podes escoitar o tic-tac e o riiiiing final, cando o tempo remata.
Resumindo!
Vía |
Parece mentira que algo tan sinxelo como un tomate con conta atrás nos axude da maneira en que o fai a utilizar produtivamente o noso tempo, mellorar a concentración, gañar axilidade mental e lograr o benestar que dá saber que un está aproveitando o tempo. Con tanto whatsapp, redes sociais e pantallas chamando constantemente por nós, ou poñemos unha barreira ou estamos mortos! Ou o que é peor... chegaremos a ese día coa sensación de que a vida foi iso que pasou mentres nós mirábamos un maldito teléfono.
Se o tempo se che vai sen saber como, non o dubides.
Pon un tomate na túa vida! E logo comparte a experiencia! :)
Tempus fugit!
A partir do luns, ademáis de para facer biscoitos, vouno empregar para traballar. :D
ResponderEliminarE a ver que sube antes no tempo que dura un Pomodoro: o biscoito ou o traballo sacado adiante!
Eliminar