01/05/14

Praia das Catedrais: como morrer de éxito

01/05/14

Quen diría que non vivimos no paraíso? Ninguén. E despois de pasar por Ribadeo, na Mariña lucense, menos. Alí está unha das paisaxes máis espectaculares da península Ibérica: a praia de Augasantas, máis coñecida polo sobrenome de praia das Catedrais

Vía
Aquí a costa está alta e remata en acantilados, cortados a conciencia pola acción do mar, que leva séculos desfacendo e facendo formas caprichosas: arcos, bóvedas e furnas que lembran á arquitectura das grandes catedrais. Formas difíciles de aprezar cando a marea está alta e cubre toda a praia.

Vía
Pero que coa marea baixa se converten nunha impresionante paisaxe a explorar. Iso si, unha paisaxe viva, sometida a continua erosión, e polo tanto perigosa. Non é prudente camiñar sobre os arcos, nin fiarse en exceso da solidez dos materiais. Pensade que o mar castiga a diario estas paredes ata que, no momento menos pensado, se veñen abaixo, por imposible que nos pareza. Como neste vídeo. Por iso é lugar para ir con coidado.

Vía
Pero o problema non é a erosión; o problema somos nós. A beleza desta praia (xunto á virtude da visita gratis) fíxoa tan coñecida, que xa leva anos atraendo máis xente da que pode soportar. Cada semana santa, cada ponte, cada verán, esta paraxe énchese de turistas ata a bandeira, desde os accesos por estrada ata a mesma area. E da marabilla das fotos anteriores, que retratan o paraíso, pásase a este pesadelo.

Vía
Pesadelo que o propio alcalde de Ribadeo, impotente ante semellante avalancha, vén denunciando incluso en Youtube. Non se trata de evitar que a xente poida visitala, senón de regular as visitas para evitar unha masificación que non é boa, nin para o lugar nin para o propio público. Podedes facervos unha idea do problema facendo clic sobre esta imaxe do vídeo.


A isto chámaselle risco de "morrer de éxito". Pasa cando a afluencia de público é tan grande e excesiva, que pon en perigo a conservación do lugar. E soluciónase poñendo normas alí onde ata hoxe non foran necesarias. Non é difícil. Abondaría con declarar esta zona da costa Parque Natural ou Nacional, e aplicarlle as normas e o control que habitualmente distinguen a estas lugares protexidos. Como se fixo nas illas Cíes, ou nas covas de Altamira. Iríamos menos, para disfrutar máis. Mentres non se actúe neste sentido (cousa que urxe), a praia das Catedrais seguirá sendo un formigueiro, un areal con pintas de avenida urbana, unha especie natural en perigo de extinción. Cunha premonitoria palabra colgada dun dos seus arcos: Fin.

Recibe os contidos no teu correo

4 comentarios

  1. Estou en total acordo con todo o que dis Miguel!! Demasiada aglomeración. Como pasa normalmente, a beleza do espazo natural contamínase de xente, de negocio (non cobran entrada, pero o entorno sempre está cheo de postos ambulantes) que o único que fan é estropear neste caso o que as propias mareas se encargan de esculpir.

    ResponderEliminar
  2. Nooon! Postos non! Só natureza. Sen aditivos, por favor! Aí estaba o máxico do lugar, e aí debería seguir estando. A aglomeración excesiva nunca é un éxito, senón un síntoma de que as cousas se deben facer mellor. Un abrazo, Laura!

    ResponderEliminar
  3. Sandra3/5/14

    Totalmente de acordo, Miguel!! Agardo que se solucione este problema canto antes e que declaren a praia das Catedrais parque natural ou nacional, ben o merece!! E ben merece ser coidada e respetada porque senón... morrerá de éxito.

    ResponderEliminar
  4. marisa6/5/14

    Que mágoa sinto cando vexo estas imaxes!. Unha das cousas mais fermosas que temos é non a coidamos como se debería, é mais, creo que todos deberiamos apoiar ó alcalde de Ribadeo cada vez que pide axuda, porque esta Semana Santa non foi a primeira vez que o fixo. Penso que esto en outro país non pasaría, espero e desexo que a Xunta ou quen lle corresponda faga algo xa.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK