08/05/14

Caza al amanecer

08/05/14

Na noite do 2 ao 3 de Novembro de 1805 unha goleta española achégase á ría de Pontevedra, tras 81 días de dura travesía cruzando o Atlántico. A nave chámase Alejandra, e vén cargada ata os topes de azúcar, tabaco e outras exóticas mercadorías. Pero os ingleses (en guerra con España, como case sempre) patrullan as nosas costas para bloquear calquera acceso por mar. A tripulación sábeo, así que, aproveitando a escuridade da noite, intentan chegar meténdose pola parte interior das Cíes. Desgraciadamente, os ventos son contrarios e, para cando amence, a goleta perdeu a oportunidade de entrar na ría de Pontevedra sen ser vista. Dúas fragatas británicas asoman ao fondo... Que facer? Agocharse? Dar volta e fuxir? Ou xogarse o todo polo todo nunha carreira por entrar na ría? 

E aí a tedes, espreméndose ao máximo: amurada a babor, con todo o trapo enriba, as velas tensas ata o límite e toda a arborame cruxindo no terrible esforzo de navegar veloz sobre unha mar picada; coas fragatas inglesas lanzadas á súa caza e usando os canóns para deixala sen posibilidade de manobra. Só era unha goleta de comercio, non un buque de guerra. Só era unha nave normal de mariños galegos, sen adestramento militar e castigados por unha longuísima travesía. En cambio, atrévense nada menos que a romper o bloqueo inglés, xogándose a vida con valor e dignidade.


Así o conta Pérez-Reverte, e así retrata a tensa escena o pintor Ferrer Dalmau. Da colaboración entre ambos, novelista e pintor, nace esta obra de arte, dun detallismo e unha carga emocional que sobrecollen. Tres semanas adicaron a estudar xuntos os aspectos técnicos para poder retratar a escena con absoluta precisión: desde a fisonomía que debía ter a goleta ata a localización exacta da escaramuza, coas illas Onza e Ons ao fondo... Para deter o tempo da maneira máis crible posible.



E a goleta? Logrouno? Logrou! Dúas horas despois, tras unha longa e tensa persecución, a goleta galega fondea a salvo no interior da ría, baixo a protección das baterías da fortaleza máis próxima. Coa sombra da pequenísima e anónima victoria duns poucos mariños reflectíndose no azul grisáceo do mar




"Caza al amanecer", lenzo de Augusto Ferrer Dalmau
guionizado por Arturo Pérez-Reverte.

Recibe os contidos no teu correo

3 comentarios

  1. Q interesante, sí señor! bueno, sí, profesor ;-)

    ResponderEliminar
  2. Sandra9/5/14

    O cadro é impresionante coma a historia que reflexa e aconteceu! Un traballo excelente de escritor e pintor!

    ResponderEliminar
  3. Sabedes que esta pintura foi encargada por alguén de Pontevedra? Ferrer Dalmau e Reverte viñeron ata aquí para presentar o cadro na Escola Naval de Marín. De feito, creo que o propietario deixouno alí cedido en préstamo. O que non sei é ata cando!

    Encántame esa imaxe do pintor inclinado sobre a súa propia obra. Facendo Arte.

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK