Alguén moi sabio, que durante anos fora profesor e ademais persoa moi querida polos seus alumnos, trataba de explicarlle a alguén por que aqueles anos foran para el os mellores da súa vida. E facíao así:
Eu baseaba todo en amor e provocación: eu quería aos rapaces, e os rapaces queríanme a min, e con afecto trabállase mellor; e logo, a provocación: para provocalos a que pensen pola súa propia conta, que non acepten algo porque o diga eu, senón porque eles recoñecen que lles convence.
Escoitándoo compréndese por que aqueles anos o fixeran tan feliz, e por que os seus alumnos o querían tanto. Aquel home, profesor, economista, escritor, tiña 87 anos e chamábase José Luis Sampedro. Estamos acostumados a que o éxito dun curso se mida en porcentaxes, ou en números, ou en notas académicas. Pero el facía ver que o verdadeiro éxito dun curso mídese en dúas cousas: en como ensina a mirar a vida; e no afecto que é capaz de xerar entre alumnos e profesor.
Nas últimas semanas, grazas a cousas que me fosteis facendo chegar, pensei que non estamos tan lonxe de logralo. Dalgún xeito xa hai algo que nos une máis aló das clases de Historia, e penso que é o ser capaces de crear xuntos unha historia nova. A nosa. E para que non a esquezades nunca, aquí quedan para o recordo algúns fotogramas desa nosa historia.
De Lisboa, á volta da vosa viaxe,
alguén me trouxo unha das postais máis fermosas que coñezo. :)
Xa desde alí, ao pouco de chegar, un de vós fíxome feliz
enviándome esta foto dun grafiti, tomada nunha parede de Lisboa. :)
Na mesma semana,
alguén dos que fosteis a Extremadura currouse non só esta postal con romanada á vista,
senón tamén a súa entrega na clase, en vivo e en directo. :)
Ás veces fálovos de lugares especiais, nos que descubrín a beleza.
O maior sorriso das vacacións veu con elas, que non pararon ata chegar a un deles. :)
Desde Estambul, nada menos, unha vella alumna envioume esta postal do clásico home turco.
En contraste, no dorso había frases sabias escoitadas aos que non manexan os fíos.
"Non son turco, non son alemán, non son curdo, non son árabe; son persoa"
E en canto a min, aínda que non vos enviara postal, tamén me acordei de vós.
A que non sabedes onde? :)
Esta Caída Libre está en Madrid e é a segunda máis alta do mundo. O punto no que estamos do curso parécese moito a esta fotografía. Falta nada para chegar aló arriba, ao punto de destino. Para chegar ao final. Falta o último esforzo. A última carreira. Se o pensades e mirades atrás, xa se pode ver o traxecto e os obstáculos que este curso fosteis superando. Dentro de nada, pode que a sensación sexa similar á de estar colgados aló arriba: presión, agobio, vertixe, temor ao que vén. Pero como sucede nesta atracción, as malas sensacións duran pouco, e só son un medio para valorar mellor o que vén despois: adrenalina, sorrisos, descanso, satisfacción polo obstáculo vencido... liberdade.
Grazas infinitas polas postais... e Ánimo. Para o curso.
E para seguir creando xuntos unha historia da que acordarnos sempre.
As postais tampouco entenden de fronteiras!
ResponderEliminarExacto! Non son turcas, nin curdas, nin españolas, nin portuguesas, nin galegas, nin... Son postais. Fíos que nos unen!
ResponderEliminar