Aliados coa natureza, tamén nós podemos facer cousas incribles. Mirade que beleza. Hai máis de mil anos, polo século X, os monxes do mosteiro de Celanova decidiron construír no horto do convento unha capela diminuta para honrar coas súas oracións ao fundador do mosteiro. Diminuta e única no seu estilo, entre visigodo e mozárabe. Tan perfecta que a capela está matematicamente aliñada para captar polas ventás a luz do amencer en dous días concretos e moi especiais do ano: o equinoccio de primavera e o de outono. E a que non sabedes que día foi hoxe...?
Vía |
Nun par de minutos espectaculares, a luz do sol cólase polas estreitas ventás da fachada Leste e, tras atravesar como un coitelo o escuro interior da capela, sae exactamente pola estreitísima ventá que decora a fachada contraria, formando o rosetón de luz que tan ben se ve na fotografía. Non sei que pensarían os monxes cando vían isto cada primeiro día da primavera e o outono... Cun espectáculo así, pregúntome se non lles sobraban dúas estacións do ano.
Feliz primavera!
Que bonito!! Pois irei visitar esta capela, pero estaría ben facelo no amencer dalgún equinocio! :-)
ResponderEliminarSó por ver os seus dous arcos de ferradura do interior xa paga a pena achegarse a vela! Que estean agochados dentro dunha capela tan pequena como a sala dunha casa, engade sorpresa. E que todo (arcos, capela, sabia orientación ao equinoccio) leve aí, ao pé do sinxelo horto do mosteiro, nada menos que mil anos (mil anos!)... convértena directamente nun tesouro. Tesouro sen plano segredo. Aí, ben a man. En Celanova.
ResponderEliminar