Saltar ao contido principal

Equinoccio versión San Miguel de Celanova

Aliados coa natureza, tamén nós podemos facer cousas incribles. Mirade que beleza. Hai máis de mil anos, polo século X, os monxes do mosteiro de Celanova decidiron construír no horto do convento unha capela diminuta para honrar coas súas oracións ao fundador do mosteiro. Diminuta e única no seu estilo, entre visigodo e mozárabe. Tan perfecta que a capela está matematicamente aliñada para captar polas ventás a luz do amencer en dous días concretos e moi especiais do ano: o equinoccio de primavera e o de outono. E a que non sabedes que día foi hoxe...?

Vía
Nun par de minutos espectaculares, a luz do sol cólase polas estreitas ventás da fachada Leste e, tras atravesar como un coitelo o escuro interior da capela, sae exactamente pola estreitísima ventá que decora a fachada contraria, formando o rosetón de luz que tan ben se ve na fotografía. Non sei que pensarían os monxes cando vían isto cada primeiro día da primavera e o outono... Cun espectáculo así, pregúntome se non lles sobraban dúas estacións do ano.

Feliz primavera!

Comentarios

  1. Sandra22/3/14

    Que bonito!! Pois irei visitar esta capela, pero estaría ben facelo no amencer dalgún equinocio! :-)

    ResponderEliminar
  2. Só por ver os seus dous arcos de ferradura do interior xa paga a pena achegarse a vela! Que estean agochados dentro dunha capela tan pequena como a sala dunha casa, engade sorpresa. E que todo (arcos, capela, sabia orientación ao equinoccio) leve aí, ao pé do sinxelo horto do mosteiro, nada menos que mil anos (mil anos!)... convértena directamente nun tesouro. Tesouro sen plano segredo. Aí, ben a man. En Celanova.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

Crónica dunha viaxe anunciada

Os de 3º B xa o sabedes . Temos data para unha excursión de tooooodo o día. Non direi nada, so unhas pistas... Imaxes do que nos agarda . Partimos?

Petos de ánimas: o medo como arma

  “ Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás ” . Eso pon nalgúns coma este. Glups. Coñeces os petos de ánimas?... De noite e, coa única luz dunha vela, a imaxe impresiona. E xuro que non a puxen eu. Este está nun cruce de camiños, sobre unha pilastra. As figuras representan tres almas (unha delas con mitra, polo tanto un bispo) ardendo terrorificamente entre enormes lapas de lume no Purgatorio, cunha pomba (o espírito santo) sobre as súas cabezas. Se un se achega ben, aínda é posible descubrir restos da pintura vermella nas lapas, engadindo unha dose extra e moi truculenta de realismo. Qué demo é esto? E por que hai unha vela aí? Explícoche: Un PETO é unha hucha. Non a ves, pero detrás do cirio da foto hai un oco para depositar moedas nunha caixa baixo chave. Chave que por certo tería o párroco. As ÁNIMAS son as almas. Almas de persoas mortas que, por algún motivo, non poden acceder aínda ao ceo. E aí están, pasándoo mal, penando. E dando pena. O PURGATORIO sería ese espaz...

Don Carnal e Dona Coresma: 2019 vs 2021

É curioso. Quería explicar o Carnaval ou Entroido : ese período de excesos permitido pola Igrexa católica para facer máis soportable o que vén despois, a Coresma, un período de corenta e seis días de pouco alimento e moita penintencia, para lembrar o tempo que pasou Xesús no deserto soportando todo tipo de trasnadas de Belcebú.  E quería usar para esa explicación este cadro do sempre espectacular pintor flamengo Brueghel o vello . Un auténtico animal . Tanto, que cinco séculos despois, as súas pinturas seguen tendo algo que atrapa, que cautiva. Neste caso, unha táboa que leva por título O combate entre Don Carnal e Dona Coresma . Unha obra moi do estilo El Bosco, con moito detalle, moito caos, moitas persoas, moita actividade, moitos simbolismos deses que che fan abrir os ollos e darían para vinte programas de Cuarto Milenio... Estaba así, con moito zoom, embobado en descubrir cada recuncho da obra, cando de súpeto pensei... pero se isto somos nós. Si, si! Estes somos nós! A ver,...