Saltar ao contido principal

Galicia Nazi

No 2004 apareceu isto en Vigo. Unhas obras no Monte do Castro desenterraron este botón cunha peculiar versión do emblema nazi. Algúns investigadores demostraron que esta simboloxía era a propia dos axentes secretos da Alemaña de Hitler. E apareceu aquí, en Galicia. Nunha Galicia sementada de pegadas nazis.

Vía
Isto non é Berlín, é Vigo o 25 de maio de 1939. A guerra civil acababa de rematar, e 6.000 soldados enviados por Hitler en axuda de Franco desfilaron na cidade antes de partir de volta a Alemaña. A despedida foi masiva e espectacular, coas rúas cheas ata a bandeira de persoas vitoreando, aplaudindo e facendo o saúdo nazi ao paso dos soldados da Lexión Cóndor. O bando do alcalde tampouco deixaba lugar a dúbidas: saír á rúa aquel día non era unha elección:
Los vigueses, que tienen el honor de poder testimoniar por última vez la gratitud de España a la noble Nación alemana, acudirán todos a despedirlos. 



Fotogramas do documental A arañeira, de Eduardo Rolland



Tres meses despois Alemaña invadía Polonia con estes mesmos soldados, dando inicio á Segunda Guerra Mundial. Franco non quixo entrar ao trapo que Hitler lle tendeu para entrar do seu lado, e España declarouse finalmente país non belixerante. Baixo esta falsa neutralidade, Galicia, coma un potente faro asomado ao Atlántico, converteuse inmediatamente en centro de operacións dos nazis.

O wolframio, un mineral escaso e de extraordinaria dureza que Alemaña precisaba para fabricar armamento e blindar os seus tanques, extraíase aquí, en distintas comarcas de Galicia (Barbanza, Valdeorras, Deza ou A Limia), onde presos republicáns e veciños da zona traballaban, sen sabelo, para a Alemaña nazi.

Mina de Wolframio en Casaio, Carballeda de Valdeorras. Vía

Nalgunhas aldeas, como Fontao (Vila de Cruces), o wolframio era pagado a prezo de ouro se eras quen de sacalo de contrabando. Isto, unido ao traballo nas minas, provocou un boom económico brutal, fomentado desde a Alemaña nazi e que perdurou mentres durou a guerra. Despois, só quedaron ruínas.

Vista actual das minas de Fontao. Vía

Os restos de 37 U-boot descansan nas costas de Galicia. Así se chamaban os submarinos nazis que, comandados polo almirante Karl Donitz, plantaron durante toda a guerra, coma se de lobos se trataran, unha cruenta batalla no Atlántico. Os diarios do almirante están cheos de referencias a Galicia, xa que os portos de Vigo e Ferrol facían as veces de refuxio e punto de abastecemento para os U-boot. En ambos portos agardaba un barco cargueiro alemán, que era o encargado de subministrarlles alimentos e diesel suficiente para poder operar. De feito algúns mariñeiros lembran aínda o paso dos submarinos polas rías, e mesmo chegaron a intercambiar alimentos coa súa tripulación (os galegos entregaban peixe a cambio de produtos máis exóticos daquela, como chocolate), ou mesmo a rescatalos despois de ser bombardeados polos aliados.


Fotogramas do documental A arañeira, de Eduardo Rolland


Algúns dos 37 submarinos afundidos en Galicia conteñen aínda hoxe os cadáveres da súa tripulación. Pero noutros casos, os corpos chegaron á costa galega ou foron rescatados e soterrados en tumbas sinaladas con esvásticas. Como as do cementerio de San Amaro, na Coruña, onde o consulado alemán construiu 16 sepulturas, algunhas delas para as vítimas dun U-boot abatido en Estaca de Bares.

Panteón nazi non cemiterio de San Amaro, A Coruña. Vía

E o meu favorito: as Torres de Arneiro ou Torres dos Alemáns, en plena Terra Chá. Unha potente estación de radio formado por 3 enormes antenas (102 metros de alto cada unha), que chegaron desmontadas e en camións desde Alemaña en 1940. O obxectivo era servir de radiofaro para apoio á navegación aérea e marítima no Atlántico.



Vía

As tres antenas erguéronse no actual concello de Cospeito formando unha liña recta e acompañáronse da construción dun destacamento militar, unha sala de radio, un depósito de auga, un transformador e unha estación meteorolóxica. O alcance do sinal sobrepasaba os mil quilómetros, e as antenas convertéronse nun pesadelo para os aliados, ata que eles tamén lograron descifrar o sinal e valerse del. E todo permaneceu aí, de pé, intacto e en condicións de funcionar, ata hai uns cinco ou seis anos, cando o mal estado dos cables que sostiñan as antenas e un par de temporais acabaron con elas no chan. Os buscadores de chatarra fixeron o resto, e nós quedamos sen elas para sempre. De nada serviron os avisos ás autoridades para unha rápida actuación que as salvase.

Vía
Unha vez máis, perdemos a oportunidade de conservar, de aprender e de ensinar. 
Fóisenos a Historia. E vaia Historia...

Próxima entrega: Fuxiu Hitler nun submarino desde Galicia?

Comentarios

  1. En cada moeda unha lección de historia que a min, particularmente, sempre me reconforta!!!
    Moi boa entrada a de hoxe Miguel :)

    ResponderEliminar
  2. Alégrome de que che gustara Laura! :)
    Imaxinades?
    Que inolvidable clase de Historia sería unha visita aos restos dun submarino ao pé da ría; ou un paseo polas tumbas nazis de San Amaro; ou adentrarse nunha das minas a coñecer o inexpugnable wolframio; ou poder lanzar ao mundo unha mensaxe por radio desde as Torres de Arneiro (os radiosafeccionados lograron conectarse a elas antes de que caeran, con mensaxes que chegaron a Australia!)... Que clase de Historia nos perdemos!

    ResponderEliminar
  3. Xurxo19/2/14

    Suscribo as impresions de Laura, Miguel.
    Outra xenial recopilación de datos, fotos e anacos de historia que espertan a miña curiosidade e me fan disfrutar moitisimo mentres aprendo.
    Outra vez mais........grazas

    ResponderEliminar
  4. Alégrome Xurxo! :)
    Pois aínda nos falta o que podería ser a guinda ao pastel da Galicia nazi: porque cada vez hai máis probas de que Hitler non se suicidou no seu bunker berlinés senón que fuxiu en avión ata España e que desde aquí logrou partir en submarino rumbo a Arxentina... Desde Vigo.
    Tan redondo como unha moeda!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

Concurso Galicia en Foto (II)

Aquí volve o noso concurso! E unha vez máis, non penso dicir onde está isto ... Porque queda da vosa man! Iso si, desta vez cambiamos o método de resposta: en vez de escribir a solución publicamente nun comentario, enviarédesma a min directamente facendo clic na parte superior do blog, onde di "INFO", e dentro diso en "CONTACTO". Unha vez aí, non tedes máis que poñer nome, email e a vosa resposta! Deste xeito chegará a min sen que outros poidan vela.  Gaña quen acerte o nome concreto e a función do lugar no que botei esta foto .  Tal e como prometera, desta vez agarda un premio de cine! O PRAZO PARA CONCURSAR  REMATA ÁS 23.00 HORAS DO SÁBADO 9 PUBLICAREI TODAS AS RESPOSTAS E O GAÑADOR AQUÍ AO LONGO DO DOMINGO 10 BRAVO CENTURIÓNS! O lugar da foto é o fermoso campamento romano de Aquis Querquennis,  en Bande (Ourense). Os vellos coñecían o sitio como A Cidá, pois vían muros e obras de edificacións antigas.  En 1947, ao construírse o Encoro d