31/01/14

Million Dollar Baby. CINE con maiúsculas.

31/01/14

Se non vemos pelis na fin de semana, cando as imos ver?

Clic no cartel para ver o trailer!

Million Dollar Baby foi a mellor peli do ano 2004. Aparte de premios, que os levou todos (incluído o Oscar a mellor película, mellor director, mellor actriz, e mellor actor secundario), hai nela unha historia magnífica, orixinal e inesperada. Unha historia moi de Clint Eastwood (director e actor principal), contada co seu inconfundible e impagable estilo. Lembrades Gran Torino? Pois non fai falla engadir moito máis. 

Nesta ocasión, Clint é un adestrador de boxeo cun ximnasio ao seu cargo. Por suposto, está feito un vello rosmón, solitario e insoportable. Atormentado polos seus erros con persoas ás que quería. Cunha vida sinxela, sen luxos nin estridencias. E con normas férreas, que non quere cambiar por nada do mundo. Unha delas é que xamais adestraría a unha moza... Ata que un día entra no seu ximnasio unha rapaza diferente: teimuda, voluntariosa, infatigable, decidida a convencelo (erre que erre) de que debe adestrala. E aí, amigos, é onde empeza unha historia incrible. Con maiúsculas. Unha historia sobre a vida. Sincera, humana, que explora a fondo os sentimentos e te sitúa contra as cordas de maneira inesperada, cunha evolución sorprendente e final apoteósico. Dos que te deixan marcados durante días... dos que recordas sempre. 

Non o dubidedes. Se vos apetece unha peli e non sabedes que ver, 
Million Dollar Baby é valor seguro. Palabra!

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. Magnífica!! Como non era menos de esperar do gran Eastwood :)Tamén un bárbaro traballo o de Morgan Freeman (como sempre) e o de Hilary Swank. E como non, unha fantástica fotografía, música moi lograda e unha historia dura e intensa. Eu sempre considerei que o maior drama da peli é a indiferencia e o desprecio da familia.
    De 10!!! :)

    ResponderEliminar
  2. Si, a verdade é que os tres actores están de libro. Son incapaz de imaxinar a ningún outro facendo o seu papel. E aparte da música e a fotografía, que lle dan ese tono antiguo e melancólico a toda a peli, está o guión. Ese drama familiar que ti dis (e que tamén aparece de fondo no tormento co que vive o personaxe de Clint Eastwood), e que a peli nos amosa como un mazazo, sen cremiñas...

    "Hai maxia cando segues loitando máis alá da resistencia. A maxia de dalo todo por un soño que ninguén máis ve, á parte de ti."

    "Mo Cuishle".

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK