Saltar ao contido principal

Pedantes, Persoas e Historia

Venres! 
Déixovos unha escena que me encanta, dunha peli moi especial e da que xa falamos unha vez AQUÍ.

A secuencia é moi propia de fin de semana: local de ambiente agradable, dúas amigas tomando algo tranquilamente, e un mozo que se achega cordial e divertido a ligar con elas. Ao fondo, un amigo algo máis tímido observa con curiosidade a escena. Ata que de súpeto aparece un pedante intentando ir de listo diante das mozas... facendo que sabe Historia!!! E entón, mirade que gustazo de diálogo entre un Pedante e unha Persoa de verdade, coa Historia como escusaClic na imaxe!

"O indomable Will Hunting"
Cantos valores en só tres minutos! Como o valor de ter un bo amigo, que mire por ti. O valor de educarse o mellor posible para saber defenderse. Ou o máis importante de todos: o valor de ser unha persoa, e non un imbécil.
Animádevos coa peli enteira. Paga a pena!
Boa fin de semana a todos!

Comentarios

  1. Nina, vía Facebook25/9/13

    Onte, tras mirar a publicacion no facebook, fun ao blog e mirei o video. Despois diso, non puden evitar mirar a pelicula enteira, e verdadeiramente xenial. Gracias por aconsellala, e perdoa as faltas de ortografia, pero e que co ordenador francés non sei por os acentos :)

    ResponderEliminar
  2. Ola Nina! Que sorriso me acaba de poñer a túa mensaxe! Supoño que te refires á ultima publicación, a de "El indomable Will Hunting". Hai tantas escenas grandes nesa peli: a discusión no bar, os encontros entre Will e o psicólogo "comecocos", a conversa diante do lago, ou cando o seu mellor amigo lle pide que se vaia... Supoño que sabes que o guión o escribiron os dous amigos (Matt Damon e Ben Affleck) cando aínda non eran coñecidos... e gañaron o Oscar ao mellor guión! Alégrame moito que xa forme parte tamén da túa vida. :)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Grazas por comentar!

Publicacións populares deste blog

6º Concurso CineHistoria

Despois de 5 edicións, non pensaríades que deixaríamos acabar o curso sen o noso concurso favorito, non...? Pois benvidos a CineHistoria! , o certame de minicríticas de cine máis famoso da comarca!  Velaquí as 40 críticas (en formato orixinal) desta edición,. Podedes lelas todiñas nos comentarios! As normas e o sentido do concurso xa o sabedes , pero por se acaso...: Para quen? Participan os meus alumnos de Historia de 1º de Bacharelato . Este ano, 40. Que teñen que facer? Eu reparto unha listaxe dunhas 50 pelis .  Cada un deles ten que elixir unha para ver antes dunha data límite. Condición obrigada: que non a viran nunca!  Onde e cando? Cando acabou o tempo para ver as pelis, un día, sen previo aviso reparto en clase un papel.  Cada participante ten 8 liñas e uns 20 minutos para escribir . Como facelo? A crítica debe ser algo máis que un resumo. Debe ter opinión, análise, orixinalidade e, sobre todo, espertar unha emoción no que le. Prohibido deix

V Concurso CineHistoria

Os bos costumes non se poden perder. Por iso, había que volver coa quinta edición do Concurso máis lonxevo (creo) do noso instituto.  Como cada ano, convoco aos meus alumnos de Historia do Mundo Contemporáneo (1º Bacharelato) a un certame, que non é máis que unha escusa para ver cine... e, a través dese cine, para tecer lazos invisibles coa Historia, ou sinxelamente coa vida .  Que como o facemos? Doado. Entrego unha lista ampla de películas coas que un se pode achegar á Historia (ou ao bo cine); concedemos un prazo de tempo para que cada alumno poida ver polo menos unha delas; e cando todos teñen visto xa a súa peli, chego un día por sorpresa a clase e exclamo: " Aquí comeza o Concurso de Críticas CineHistoria! ";  ese día, nun silencio de 20 minutos e baixo pseudónimo, cada alumno esfórzase por escribir a crítica da peli que viu, sabendo que debe facelo da forma máis persoal, orixinal e efectiva posible...   Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o V CONCURS

III Concurso CineHistoria

Como cada curso, e xa van tres, en 1º de Bacharelato empregamos a Historia como unha escusa para ver cine... Ou será que usamos o cine como escusa para ver a Historia? O funcionamento é sinxelo. Entrego unha lista de películas por época histórica, concedo un prazo amplo para ver unha delas e despois realizamos un concurso de críticas onde cada un busca unha forma orixinal e breve de falar da peli que elixiu... Con que premio? Con cal vai ser! Aquí comeza o  III CONCURSO CINE HISTORIA  de 1º Bacharelato! 49 películas na lista. 41 candidatos que escribiron a súa minicrítica (8 liñas). 3 pelis de premio (as da imaxe) para as 3 mellores! A partir desta tarde podedes lelas todas, nos Comentarios  desta entrada. Este Xoves 4 , na clase e no blog:  Gañadores, Premio e Foto! Sorte a todos!