25/08/13

Pompeia: o momento final

25/08/13

Tal día coma onte, en apenas unhas horas, alí acabouse todo.

Ruinas Pompeya Pompeya 397018

Pompeia e Herculano son deses lugares que conmocionan. Dúas cidades romanas ordinarias que, en cambio, sufriron un final extraordinario. Un final brutal e aterrador que as deixou carbonizadas e sepultadas (cos seus habitantes) nunhas cantas horas. Cando as ves ou les sobre elas, sobrecolle descubrir o moito que asemellaban a nós, o atroz que foi a súa morte, e o inconscientes e pequenos que somos fronte a natureza.


En pleno día, ás 13.00 horas, o sol comezou a desaparecer tras unha inmensa columna de fume ao lonxe, sobre o monte Vesubio. O vento non tardou en desprazala ata situala sobre a cidade costeira de Pompeia. En poucos minutos, comezaron a chover cinzas e moreas de pedras lixeiras (pedra pómez) mesturadas con algunhas rochas. Moitos decidiron fuxir cara a praia coa esperanza de poder afastarse por mar e algúns levaban almofadas sobre o lombo para protexerse dos impactos. Outros metéronse nas casas, procurando o resgardo dunha cuberta. Pero a choiva de pedra non cesaba, e en só un par de horas os sobrecargados tellados comezan a ceder, caendo sobre os seus moradores. 

Ás 19.00 hai xa tanta pedra na rúa que portas e ventás comezan a quedar soterradas.


Os que logran saír van presenciar algo incrible. Coa montaña envolta en lume e a punto de estoupar, parte da columna de fume desplómase de súpeto polo peso das pedras. En segundos fórmase unha corrente piroclástica: unha avalancha de cinza, gases e rochas fundidas, en veloz descenso pola ladeira, cara a cidade de Herculano. Na praia, 300 persoas quedan carbonizadas polos 500º de temperatura, e sepultadas baixo nada menos que 25 metros de lixo volcánico.

Pompeia logra aguantar ata a mañá seguinte, cando, a piques de amencer, unha explosión dentro do volcán provoca unha nova avalancha. Este fluxo descende directo cara a cidade a máis de 100 quilómetros por hora. Mentres se achega, os gases xa queiman nos ollos e a gorxa, e o ruído da mole avanzando é brutal. Toda a cidade vai ser abrasada e sepultada en segundos. Miles de persoas e animais morrerán asfixiados en tan só tres agónicas inhalacións



10.000 millóns de toneladas de material volcánico sepultaron as dúas cidades durante 1.500 anos, desde aquel lonxano 24 de agosto do ano 79. Pero a cinza, petrificada, preservouno todo coma nunha cápsula do tempo: rúas, edificios, pinturas... Os corpos descompostos quedaron marcados na cinza que os envolvía, formando ocos con siluetas humanas. Un arqueólogo do XIX, suxeriu enchelos con xeso para obter moldes exactos desas formas. Lográronse así retratos sorprendentemente precisos do momento da morte, como os das imaxes que vedes: moitos apareceron tapándose a boca, outros encollendo o corpo, e algún aferrado a moedas ou xoias que para nada lle valeron. Moitos cans apareceron encadeados, diante das casas dos seus amos. 




Hoxe 3,5 millóns de persoas seguen vivindo ao pé do Vesubio. Aínda que en reposo actualmente, sabemos que este volcán xa provocara problemas nas dúas cidades só 17 anos antes de destruílas. E que volveuno facer polo menos vinte veces desde entón. Algunhas, como a de 1631 cubriron de cinzas media Europa, alcanzando mesmo Constantinopla (actual Estambul). A última sucedeu en 1944. Pero ningunha causou tanto dano como aquela do ano 79.

Din os sabios que as máis grandes erupcións danse cada 2.000 anos. Por se acaso, a nosa histórica insensatez xa ten convenientemente preparado ese acontecemento: porque a baía de Nápoles (Pompeia e Herculano incluídos) é hoxe a zona volcánica máis densamente poboada do mundo...

Quen sabe? Quizais esta vez moitos sobrevivan ao Vesubio... 
ou logren, pese a todo, facerse eternos. 


Facendo clic AQUÍ, sentirédesvos un máis alí, en:

Recibe os contidos no teu correo

7 comentarios

  1. Berta María26/8/13

    En Pompeia se inmortaliza la muerte y se congela la vida.
    El eslogan político delante de la casa del senador, la inscripción con los precios de la piel o los nombres del oficio de cada casa... incluida la del sexo.
    Asombran los pasos de cebra, las canalizaciones, los frescos de las paredes... todo te traslada a un verdadero viaje en el tiempo.
    Me encanta esa ciudad.

    ResponderEliminar
  2. Os pasos de cebra que eran elevados, coma os nosos de agora!

    Eu supoño que camiñala é tamén coma un xogo no que vas descubrindo continuamente reflexos de nós mesmos... a pesar de mediar dous mil anos de diferencia.

    Os grafitis de Pompeia dan para unha publicación propia. A falta de Facebook, os habitantes "subíano" todo ao muro da casa que máis a man lles quedara. Atopáronse máis de 20.000 graffitis! con todo tipo de textos (amorosos, comerciais, irónicos, poéticos, políticos...) enchendo as paredes das edificacións. Non somos tan modernos!

    ResponderEliminar
  3. E acabo de enterarme de que vén aí (Febreiro de 2014) unha película épica sobre aquel día. O protagonista vén da serie "Juego de Tronos", e o único trailer publicado de momento é este:
    https://www.youtube.com/watch?v=nnmJCSO--0Y

    ResponderEliminar
  4. Vitoria27/8/13


    Normalmente as ruínas clásicas son poesía, por exemplo a cidade de Paestum (de feito no XIX os poetas románticos ingleses viaxaban ata ela para ver atardecer entre as súas pedras).
    Pero Pompeia é prosa, en Pompeia hai acción, hai argumento,Pompeia é novela (ou película): historias persoais,homes e mulleres con nome, dos que coñecemos os oficios e as
    aficións, dramas de angustia e de morte, mulleres protexendo ós seus fillos, que golpes non darían os que quedaban sepultados nas súas casas?, collendo un pico e tratando de derribar as paredes! Nas habitacións donde se solía escribir hai tablillas de cera, na biblioteca rolos de papiro, nos baños, cepillos, nas mesas das fondas restos da comida e os cartos da conta...
    Se te quedas escoitando podes oír ata os diálogos...
    A peli está feita,é Pompeia.

    ResponderEliminar
  5. Grazas por facernos sentila así, Vitoria. Esa peli. Pompeia.

    ResponderEliminar
  6. David G.31/8/13

    Facía tempo que non aparecía por aquí...

    A historia de Pompeia foi aterradora.
    Ver como se se acerca a morte e non poder facer nada máis que alargala un pouco. Debeu ser aterrador.
    Gran entrada.

    Saludos Miguel.

    ResponderEliminar
  7. Ola David! Como me alegra este comentario! Non importa o tempo, pois sempre que escribo penso en que o fago precisamente para todos vós... é unha forma de seguir sentíndovos preto, aínda que o tempo pase, como debe ser.

    Alégrame que che gustara. A min paréceme tan aterrador o que pasou, como o feito de que poida volver pasar. Ao final é ben certo que a Historia é circular.

    Un abrazo, David!

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK