Camiñando un día polo porto de Redondela, chamoume a atención unha barca pequena, moi pequena, que non paraba de abanearse sobre un mar no que non había nin unha soa onda. Parecía unha caixa de mistos loitando por flotar nun océano bravo e inmenso. Achegueime, mentres tentaba imaxinar como sería saír navegar niso. Movidiño, supuxen. E entón, cando xa estaba o suficientemente preto, puiden ler as letras que había escritas na popa... Sorpresa... Sorriso. Aí vai a fotografía:
O Titanis!? En Galicia, a isto chamámolo Retranca: Habilidade para falar con segundas intencións, en especial cando se procura unha graza intencionada no que se di. E gústame a retranca porque é unha actitude que axuda a soportar a vida; e ás veces, tamén a afastar delirios de grandeza que non necesitamos.
Precisamente este 14 de abril cúmprense 101 anos do accidente do Titanic, aquel hotel de luxo que prometían que nunca se afundiría. Daquela prepotencia, pódese aprender moito. Por exemplo, que non sempre Máis é mellor. A maioría das veces o mellor é aquelo que se adecúa ao que de verdade necesitamos. Estou seguro de que este Titanic non causará gastos suntuosos, nin dor, nin mortes, senón só proveito e orgullo ao seu dono, e sorrisos cómplices a todos os que descubrimos a súa retranca.
E agora, pregunto. Que sería antes: o nome desta barca, ou as fantásticas viñetas de O Bichero?
jajajaja! :-) Pois poida que o dono da barca sexa fan do gran Dávila, desde logo ésta podería ser partícipe de calquera das súas viñetas!
ResponderEliminarContan dun mariñeiro de Foz que cando conseguíu por fin comprar unha lancha de motor púxolle de nome REMEDIOS, porque non lle deixaron rexistrala como QUE REME CRISTO!
ResponderEliminarAs veces a retranca tamén serve para facer xusticia.
Encántame o conto de Foz. Como diría un amigo, a retranca é unha "gadaña igualatoria": permítenos limar as inxustizas e as diferenzas. Só coñezo outra gadaña que sirva para igualarnos radicalmente a todos. Chámanlle Parca.
ResponderEliminarQue tema tan curioso o dos nomes das embarcacións... Sempre me chamou a atención. Hainos graciosos (A dos velas, Yate digo), esaxerados (Tiburón, Cachalote), relixiosos (Virxe do Carme), de muller (Rita, Julia), de persoeiros (Príncipe Felipe, Elcano)... Non sei se algún día terei un no que poder saír a remar ou a cazar ventos cun par de velas. O que si sei é como o chamaría.