12/02/13

Chisco, o gato feliz

12/02/13

Se esta foto tivera son, soamente escoitaríamos unha cousa: rrrrrrrrrrrrrrrrrrrr 
Iso fan os gatos cando se senten felices... E iso fai Chisco desde hai algúns días.


Coñecímolo na rúa. Era moi moi pequeno, e tamén moi fráxil. Chamounos a atención o pouco que se movía. Sempre o víamos agochado debaixo dalgún coche, coma se non se atrevese a saír. Podía permanecer alí horas, sen moverse, día e noite. Sempre con súa nai ao lado, sen abandonalo un segundo. 

A primeira vez que fomos levarlles comida, descubrimos o problema. Un ollo moi moi enfermo e outro empezando. Probablemente non tiña xa visión. Por iso non se atrevía a saír. E tamén por iso a nai permanecía sempre paciente e leal ao seu lado, mirando por el. Nunca, nunca, nos días en que lles levamos algo, ela empezou a comer antes de que el rematara. 

Non queríamos separalos, pero o problema dos ollos agravábase cada día e comprendimos que así estaba condenado a morrer. Por moito que estivera con el a nai non podería axudarlle. Así que unha tarde decidimos que había que implicarse, e levámolo para a clínica veterinaria na que traballa Sandra, a miña irmá. Prolapso ocular por infección vírica. Antibióticos, antiinflamatorios, gotas de mil tipos aplicadas nos ollos en intervalos moi curtos, tratamento contra as pulgas... e sobre todo quilos de mimos e atencións, incluso sábados e domingos, varias veces ao día, durante semanas. Que é o impresionante trato habitual na Clínica Santa Mariña de Redondela.  E os resultados son... en fin, os que vedes. Gato sano, fermoso, vivo, alegre, xoguetón,,, e finalmente adoptado por Sandra. Que se di pronto. Razón pola cal agora podo velo, acaricialo e xogar con el con certa frecuencia, mentres un son ronco e suave, retumba feroz alí dentro: rrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrr

E agora, se queredes ver como era Chisco antes...

ADVERTENCIA:
Algunhas das seguintes imaxes poden ferir a túa sensibilidade... 
Outras en cambio, poden alimentala.
Para ver, clic AQUÍ.

Recibe os contidos no teu correo

12 comentarios

  1. Xurxo12/2/13

    Fermosa historia e fermoso gato; imposible non lela sen sentir ledicia o saber como remata (ou como comenza, porque dende logo que para Chisco os mellores capítulos da sua vida están por chegar).

    Frida (a miña gata), entrou na miña casa e na miña vida fai tres anos.
    Eu, que crecín nunha aldea, estaba acostumado a ver a un gato dun xeito distinto a agora: sempre correndo pola eira, con algún rato entre os dentes de vez en cando,disfrutando da sua "independencia" e só mostrando o seu afecto hacia os da casa con algún mimo illado..

    Foi Frida quen dende fai tres anos, cando con apenas 4 meses de vida deu un chimpo para subirse o meu peito (estando eu tumbado no sofá, e maldicindo en arameo as amarguras da vida), achegouse a miña cara para de seguido, comenzar a lamber as miñas bágoas........Nunha antes de ese intre saiba eu o amor que un "michiño" pode regalar...
    Esa tarde gañoume o corazón a pulso e para sempre.
    Xamais esquecerei esa tarde e todos os días que me regala ca sua compaña fiel e sen condicions e ata eu mesmo sorpréndome sentindo un amor hacia ela que non coñecia en min.
    Ultimamente ando preocupado por un pequeno problema de pulgas que a ten un pouco mortificada, pero gracias os bos consellos de Sandra (que Marisa fíxome chegar) - aproveito a oportunidade para agradecerllos moito -, a bo seguro que os atallarei axiña.

    Sandra, cando te canses de Redondela, ¡vente para Porriño!, fan falta veterinarios de calidade que de verdad entendan os gatos coma ti. :-)

    Un saudo a todos...

    ResponderEliminar
  2. Sandra12/2/13

    Buf...non sei por onde comezar..emocionada..grazas Miguel..por esta pedazo de homenaxe a Chisco! sirva para tódolos valentes, gatos, cans,..que saen para adiante e conseguen ser felices e tamén para os que non conseguen sobrevivir, tristemente. Para tódalas persoas que axudan e colaboran, para os que respetan, coidan e queren aos animais. Hai que seguir loitando por eles, porque haxa un mundo máis xusto para éstes, levará tempo, pero somos moitos os que os queremos e seguro que o conseguiremos!!
    Chisco está ben e feliz grazas a moitas persoas que se preocuparon por él e cun rrrrrrrrrrrrrrrrrr vos agradece a : Marisa, Miguel, Paula, Lolo, Marta, Fran e Piru todo o agarimo co que o cuidásteis e o seguides facendo! Mil grazas a todos de parte dos dous! Vendo as fotos parece incrible que recupérase ese olliño, estaba moi complicado e loitou coma un campión ,o día seguinte de traelo xa ronroneaba e xa pedía mimos, maliño como estaba, penso que nel agora todo é agradecemento, e tan agarimoso!!! penso que é feliz! e non vos podedes imaxinar a satisfacción e a ledicia que isto me produce. Por último...grazas.. a Chisco e a Piru por todo o voso agarimo, por facerme sorrir tódolos días. :-)

    ResponderEliminar
  3. Sandra12/2/13

    Por certo.. grazas Xurxo polo cumprido, aí tendes moi bos veterinarios , eu coma auxiliar veterinaria e os meu compañeiros Lolo, Marta e Paula que son veterinarios aquí nos tendes para o que vos poidamos axudar.
    Bonitas palabras as que lle dedicas a túa gatiña e é que moita xente nin se imaxina todo o agarimo que che pode transmitir un "michiño" coma dis ti e todo o bo que nos aporta a compaña destes grandes amigos, sexa gatos, cans, etc .Un saúdo e uns mimos para Frida!

    ResponderEliminar
  4. Sandra12/2/13

    Por certo..grazas polo cumprido Xurxo, aí tendes moi bos veterinarios, eu coma auxiliar veterinaria e os meus compañeiros Lolo, Paula e Marta coma veterinarios aquí estamos para o que vos poidamos axudar.
    Bonitas palabras as que lle dedicas a túa gatiña Frida e é que hai moita xente que nin se imaxina todo o agarimo que nos chegan a dar estes "michiños" coma dis ti e todo o bo que nos aportan. Un saúdo e uns mimos para Frida.

    ResponderEliminar
  5. Cantas cousas boas nos dan os animais... Non entendo como hai cretinos que se atrevan a tratalos mal, e cando sei de casos así boto de menos a Chuck Norris.

    Quedounos algo lacrimóxeno, con isto do final feliz... Así que para compensar, nos próximos días toca unha de miseria.

    ResponderEliminar
  6. David.12/2/13

    Pareceume una historia increíble.
    Moi bo traballo, agora Chisco ten familia, e recuperouse.
    A historia e moi emocionante, destas das que se che saltan as lágrimas.

    Un saúdo, e outro para o pequeno Chisco.

    ResponderEliminar
  7. Creo que todos sentimos unha grande ledicia por haber posto o noso graíño de area pra salvar a Chisco, eu se poidera axudaría a todos os animalillos que o precisan, e dame moita mágoa saber que hai xente que os maltrata. Moitas gracias por todo o traballo e o esforzo a todos os compoñentes da clínica Santa Mariña, por tantos mimos e cuidados.

    ResponderEliminar
  8. Vitoria15/2/13

    Hai dias, sobre todo os lunes, que me gustaría ser gato,ronronear toda a mañá, contemplar desde a ventá máis alta o atardecer cos ollos medio pechados e ir pasear polos tellados ata que saia a lúa.
    Chisco dame envidia...

    ResponderEliminar
  9. David, dareille o saúdo esta fin de semana. De parte de todos vós! Supoño que el vos enviará un ronroneo... e quizais ata vos chisque un ollo... :)

    Mlp, máis que un graíño de area, aportaches a praia enteira!

    Vitoria estou contigo.... So hai unha tarefa gatuna que non me resisto a engadir: a sixilosa exploración do fallado a media noite... despois de poñer a punto as gadoupas na paso da escaleira.

    ResponderEliminar
  10. Mariña ( creo que co nome chega)21/2/13

    Hola Miguel!Aquí tes o comentario que che prometín na clase de Sociais pola mañá jaja
    Pareceume un xesto moi bonito pola vosa parte de axudar a ese gatiño e por certo, encántame o nome do gato, pero máis o da clínica jijiji
    Un saúdo :D

    ResponderEliminar
  11. Sabía eu que che ía gustar ese nome, Mariña! O da clínica, claro!... O do gato tampouco está mal, non. Alégrame moito que vos animedes a escribir!
    Acabas de gañarte un ronroneo de Chisco. Aí vai: rrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrrr :)

    ResponderEliminar
  12. María José28/2/13

    ¡Que fermosa historia! Eu xa a coñecía de primeira man pero non por elo me emocionou menos. Chisco tivo sorte, e tivoa duas veces, primeiro por ser descoverto (cando estaba na rua) por quen foi, e segundo por ir a Clinica Santa Mariña e atopar alí a Sandra. Sei que estan todos felices por como rematou todo. Noraboa a todos, a min tamén porque de vez en cando disfruto de Chisco, sin olvidar a Piru que lle teño un especial cariño ¡teñoo de fondo de pantalla no meu móvil!

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK