21/02/13

Barcelona, mirando ao ceo

21/02/13

Unha vez estiven alí, acompañado de vellos amigos. E estou seguro de que eles tamén o lembrarán. Era xuño, camiñábamos polo casco histórico de Barcelona e, de súpeto, atopamos esta praza: San Felipe Neri. Había un silencio incrible, só roto pola auga que vertía no estanque, e o aire estaba cheo de flores amarelas que non deixaban de caer desde as ramas de dúas árbores, tapizando o chan. Quedámonos alí case unha hora, embobados, facendo fotos, todos apoiados arredor da fonte. Parecía que algo nos atase a ese extraordinario lugar. Quizá o recordo dunha bomba marcado para sempre nas paredes. 


Non foi casualidade. Decidíramos incluíla na ruta, porque alí, xusto alí, case 40 nenos foran masacrados en 1938, durante un bombardeo da cidade por parte da Lexión Cóndor. Bombardeo en área, ese é o nome técnico: un montón de bombas arroxadas en caída libre para destruír completamente unha zona. A área elixida aquel día pola aviación de Franco incluía esta praza. Daba igual que non tivese ningunha importancia militar. Daba igual que houbera unha igrexa. Daba igual que houbese unha escola infantil. Daba igual que os nenos se atopasen xogando diante da igrexa no preciso instante no que a aviación descargaba toneladas de bombas sobre a cidade. Exactamente así:

Fotograma da película "Mirant al cel", de Jesús Garay (2007)

Case 40 nenos correron a ocultarse na bodega da sacristía da igrexa, mentres varios bombardeiros sobrevoaban a cidade. Correron para nada. Aquelo non era un búnquer, nin un dos moitos refuxios que os barceloneses escavaban no subsolo para protexerse. Aquelo só era unha bodega. Non resistiu a detonación, e morreron todos. As marcas da metralla están aínda impresas na parede. E toda esta miseria, no nome dun único obxectivo: que a poboación de Barcelona se desmoralizara e se rendera ante Franco. Hai uns días fixo 70 anos daquela traxedia. Bo momento para recordar vellos lugares e vellos amigos. 

Facendo clic AQUÍ, podedes ir e sentir a maxia dese lugar.

Recibe os contidos no teu correo

2 comentarios

  1. vitoria25/2/13

    "La primera víctima de la guerra es la infancia", Goytisolo perdeu a súa nai nun bombardeo en Barcelona, cando el aínda era un neno:

    Entre el humo y la sangre,
    miré los muros
    de la patria mía,
    como ciego miré
    por todas partes,
    buscando un pecho,
    una palabra, algo
    donde esconder el llanto.
    Y encontré solo muerte,
    ruina y muerte
    bajo el cielo vacío.

    ResponderEliminar
  2. Que bo. E que grande esa frase de Goytisolo: "la primera víctima de la guerra es la infancia".

    Foi nos bombardeos de marzo do mesmo ano. 16 minutos de bombas sobre a cidade, desta vez a cargo da aviación italiana.

    E así o viron daquela:
    "Miles y miles de personas salían a las afueras con los colchones encima de los automóviles, camiones, carros o sobre los hombros. Casi todas las tiendas habían cerrado. El espectáculo era verdaderamente deprimente... La situación llegó a la máxima gravedad. La gente, aterrorizada y ya sin control, huía en masa de la ciudad".

    ResponderEliminar

Grazas por comentar!

ˆ
MIGUEL ABRAIRA © - DISEÑO: HERPARK